As socialistas do Concello de Ourense reclaman medidas específicas para promover o comercio do casco histórico
“Non podemos pretender que compita en igualdade de condicións coas grandes superficies; debemos reforzar aquilo que o fai único”, sinala a voceira, Natalia González Benéitez
En Ourense, a 16 de abril de 2026. As edís do PSdeG-PSOE do Concello de Ourense propoñen que, dende o goberno municipal, se elabore un plan integral para revitalizar o comercio do casco histórico da cidade, atendendo ás súas particularidades propias e ás necesidades específicas do pequeno comercio asentado nesta zona.
Dende o grupo socialista lembran que o casco histórico presenta dinámicas moi distintas a outras áreas comerciais, cunha menor accesibilidade en vehículo privado, pero cun alto valor patrimonial e cun modelo baseado no paseo e na experiencia urbana. “Non podemos pretender que compita en igualdade de condicións coas grandes superficies; debemos reforzar aquilo que o fai único”, sinala a voceira, Natalia González Benéitez.
Entenden que sería preciso unha batería de medidas centradas no apoio directo ao pequeno comercio. Entre elas, destacan bonificacións fiscais específicas para os locais situados nesta área urbana, tanto no IBI como nas taxas municipais, así como liñas de axuda para a rehabilitación de baixos comerciais, mellora de fachadas, iluminación e escaparates.
Do mesmo xeito, propoñen a posta en marcha dun programa de alugueiro bonificado, no que o Concello actúe como mediador para facilitar a ocupación de locais baleiros, reducindo así a degradación comercial e favorecendo a implantación de novos proxectos empresariais. “Isto súmase ás propostas que xa defendimos en pleno hai un ano, e sobre as que nada se fixo, en materia de vivenda para que a recuperación do casco histórico sexa integral e transversal”, incide a portavoz e secretaria xeral do partido na cidade.
No ámbito da mobilidade, as socialistas apostan por resolver o principal reto da zona: a accesibilidade sen incrementar o tráfico rodado. Neste senso, reclaman a creación de aparcadoiros disuasorios, así como a posibilidade de establecer acordos con aparcadoiros próximos que permitan descontos vinculados ao consumo no comercio local.
“Tamén deberían incorporarse medidas de modernización para unha dixitalización sinxela pero útil, coa creación dunha plataforma común do casco histórico que funcione como catálogo conxunto de establecementos e permita servizos como o “click & collect”. Ademais, poderían levarse a cabo campañas de promoción conxunta en redes sociais e programas de formación gratuíta para comerciantes en ferramentas dixitais básicas”, sinala a socialista.
Por último, insisten en que estas propostas dan continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos con diferentes iniciativas en apoio ao comercio local de toda a cidade, á rehabilitación urbana e á mellora do espazo público. “Xa esiximos axudas ao comercio local, rehabilitación e melloras urbanas. Agora toca converter o casco histórico nun espazo comercial vivo, con identidade propia e actividade constante”, conclúe.

