Executiva Provincial de Ourense Sanidade SERVIZOS PÚBLICOS

Respaldamos de forma rotunda as reivindicacións da Asociación de Silicose de Valdeorras

O PSDEG-PSOE DE OURENSE AMOSA O SEU “FIRME E TOTAL” RESPALDO E APOIO ÁS REIVINDICACIÓNS DA ASOCIACIÓN DE SILICOSE DE VALDEORRAS, PARTICIPANDO NA MANIFESTACIÓN DESTA MAÑÁ QUE PERCORREU AS RÚAS DO BARCO

Na mobilización estiveron presentes o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense e portavoz do grupo provincial socialista na Deputación, Álvaro Vila; a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Carmen R. Dacosta; o alcalde do Barco, Aurentino Alonso; así como outros cargos socialistas da comarca

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense anuncian ademais que trasladarán estas reivindicacións ás institucións, a través dunha moción no pleno da Deputación de Ourense e mediante iniciativas no Parlamento de Galicia

As e os socialistas ourensáns subliñan a necesidade de que a Xunta de Galicia atenda de maneira “inmediata” esta demanda, lembrando que a comarca de Valdeorras presenta unha especial incidencia de enfermidades respiratorias vinculadas á actividade laboral, como a silicose, o que fai imprescindible contar con especialistas e recursos sanitarios adecuados no propio territorio

O Barco de Valdeorras, 16 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense amosou esta mañá o seu “firme e total” respaldo e apoio ás reivindicacións da Asociación de Silicose de Valdeorras (Asilival), participando na manifestación celebrada nas rúas do Barco para esixir a implantación dun servizo de pneumoloxía no Hospital Comarcal de Valdeorras.

Na mobilización estiveron presentes o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense e portavoz do grupo provincial socialista na Deputación, Álvaro Vila; a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; o alcalde do Barco, Aurentino Alonso; así como outros cargos socialistas da comarca, que quixeron respaldar coa súa presenza unha demanda “xusta e urxente” para a veciñanza de Valdeorras.

A manifestación, convocada por Asilival, partiu ás 11:00 horas dende o Hospital Comarcal de Valdeorras e percorreu as principais rúas da vila ata rematar na Praza do Concello. Durante o acto, o presidente da asociación, José Rodríguez, agradeceu a elevada participación e o apoio social recibido e reiterou a vontade do colectivo de continuar coa loita ata acadar o seu obxectivo: garantir unha atención permanente de pneumoloxía na comarca.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense anuncian ademais que trasladarán estas reivindicacións ás institucións, a través dunha moción no pleno da Deputación de Ourense e mediante iniciativas no Parlamento de Galicia, co obxectivo de esixir á Xunta a dotación dun especialista en pneumoloxía para o Hospital de Valdeorras.

As e os socialistas ourensáns subliñan a necesidade de que a Xunta de Galicia atenda de maneira “inmediata” esta demanda, lembrando que a comarca de Valdeorras presenta unha especial incidencia de enfermidades respiratorias vinculadas á actividade laboral, como a silicose, o que fai imprescindible contar con especialistas e recursos sanitarios adecuados no propio territorio.

Neste sentido, insisten en que “non se pode seguir obrigando aos pacientes a desprazamentos continuos para recibir atención especializada”, e defenden que a sanidade pública debe garantir a igualdade de acceso a todos os galegos e galegas, con independencia do seu lugar de residencia.