Deputación de Ourense INICIATIVAS Sanidade

Reclamamos na Deputación un pneumólogo fixo no hospital de Valdeorras

AS E OS SOCIALISTAS RECLAMAN NA DEPUTACIÓN QUE OS ENFERMOS DE SILICOSE DISPOÑAN DUN PNEUMÓLOGO FIXO NO HOSPITAL COMARCAL DE VALDEORRAS

A moción solicita que se dote ao centro sanitario dunha praza estable de especialista en pneumoloxía, que o Sergas abra un diálogo formal con Asilival e que se execute con urxencia un estudo sobre a prevaleza da silicose no Distrito Sanitario.

Álvaro Vila participou na manifestación de Asilival no Barco, un ano despois de que o Grupo Popular vetara na Deputación a creación dunha unidade especializada de enfermidades pulmonares no hospital comarcal de Valdeorras.

Asilival, que agrupa 227 afectados e leva máis dun ano con concentracións semanais, denuncia que o Sergas négase sistematicamente a manter calquera encontro coa asociación, sen que existan perspectivas de diálogo nin de avance na súa demanda.

O Barco de Valdeorras, 17 de abril de 2026. O Grupo Provincial Socialista (GPS) na Deputación de Ourense levará ao pleno do vindeiro 30 de abril unha moción para a mellora da atención sanitaria das persoas afectadas pola silicose na comarca de Valdeorras. A iniciativa presenta tres propostas de acordo: o recoñecemento da silicose como grave problema de saúde pública en Ourense e Valdeorras; a dotación dunha praza estable de especialista en pneumoloxía no hospital comarcal; e a realización dun estudo epidemiolóxico xunto coa apertura dun diálogo formal coa asociación de afectados, Asilival.

«Valdeorras paga un prezo desproporcionado por esta doenza. É a comarca coa maior concentración de casos do Estado, nun territorio que produce o 70% da lousa española», afirmou Álvaro Vila. En 2023, este sector foi responsable do 25% dos casos no conxunto estatal. No período 2020-2023, Galicia concentrou o 28,1% de todos os partes de declaración de enfermidades profesionais por silicose en España e, en 2024, a provincia de Ourense rexistrou 61 novos casos. «O andazo non remite. O que non pode seguir é a inacción», engadiu o dirixente socialista.

«A silicose é unha enfermidade crónica e progresiva, sen cura. E Valdeorras paga por iso un prezo desproporcionado, xa que é a comarca coa maior concentración de casos do Estado, nun territorio que produce o 70% da lousa española», afirmou Álvaro Vila. En 2023, este sector foi responsable do 25% dos casos a nivel estatal. No período 2020-2023, Galicia concentrou o 28,1% de todos os partes de declaración de enfermidades profesionais por silicose en España e, en 2024, a provincia de Ourense rexistrou 61 novos casos. «O andazo non remite. O que non pode seguir é a inacción», laiouse o dirixente socialista.

Acompañado do alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, e da deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta, Vila participou na manifestación organizada por Asilival. A marcha, que partiu do hospital cara á praza do Concello da capital da comarca, reuniu centos de persoas en apoio á reivindicación dun servizo de pneumoloxía estable. O presidente de Asilival, José Rodríguez, denunciou que o Sergas négase ao diálogo. «O mínimo é sentarse. Estamos vetados pola xerencia de área», denunciou. A asociación, que reúne 227 persoas, leva máis dun ano organizando concentracións cada xoves ás 11h00 diante do hospital.

Un ano despois do veto do PP

Hai exactamente un ano, o Grupo Provincial Socialista presentou ante o mesmo pleno da Deputación unha moción para a adopción dun plan integral contra a silicose que reflectiu un amplo consenso. A maioría dos puntos foron aprobados co voto favorable de todos os grupos. Con todo, o punto máis relevante para os afectados de Valdeorras —a creación dunha unidade especializada de enfermidades pulmonares no hospital comarcal— foi rexeitado polo Grupo Popular, co voto de calidade do presidente da Deputación resolvendo o empate en contra da vontade expresada polo resto de formacións políticas.

«Hai exactamente un ano a Deputación tivo a oportunidade de dar resposta á demanda máis urxente dos enfermos de silicose en Valdeorras. Pero o Grupo Popular votou en contra e o presidente da Deputación resolveu o empate co seu voto de calidade. Doce meses despois, os afectados seguen concentrándose cada semana diante do seu hospital. O pleno do 30 de abril é a oportunidade de rectificar ese voto», subliñou Vila.

A Xunta de Galicia defende o modelo actual de pneumoloxía desprazada desde Ourense, mais Asilival e as organizacións sindicais cuestionan tanto as cifras como a fórmula asistencial. Un estudo observacional de corte transversal sobre a prevaleza da silicose no Distrito Sanitario de Valdeorras leva máis dun ano solicitado á Área Sanitaria sen que esta dea resposta. Para o secretario provincial socialista, «a Deputación non pode seguir sendo allea á realidade e o vindeiro pleno debe ser o momento de actuar».