concellos INICIATIVAS

O PSOE da Merca insta á posta en marcha do proxecto «Patios de Paz»

O PSDEG-PSOE DA MERCA IMPULSA O PROXECTO “PATIOS DE PAZ” PARA CONVERTER 400 RUÍNAS DO MUNICIPIO EN ESPAZOS PÚBLICOS E MEMORIA HISTÓRICA

O voceiro socialista, Carlos Sousa, presenta unha moción para investir ata 100.000 euros anuais na consolidación e limpeza de casas abandonadas a custo cero para os propietarios.

O proxecto busca dignificar o concello, situado a só 15 km da capital, fronte á «desidia e o modelo de control do século XIX» do actual goberno do PP, destaca o edil socialista

«A economía debe ser un servo do pobo e non o seu amo. Mentres o PP usa o orzamento para alimentar redes clientelares e un control administrativo obsoleto, nós propoñemos unha ferramenta de progreso compartida coas asociacións veciñais e de montes», apunta

A Merca, 21 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE da Merca, co seu voceiro e concelleiro Carlos Sousa á cabeza, vén de presentar unha “ambiciosa” iniciativa para transformar “radicalmente” a imaxe e a habitabilidade do municipio. O programa, bautizado como “Patios de Paz”, propón unha intervención a dez anos para actuar nunhas 400 vivendas en estado de abandono, converténdoas en micro-parques diáfanos, que respecten o legado arquitectónico e familiar da terra.

Un plan real fronte ao abandono

Segundo os datos analizados polo grupo municipal socialista, o desfase entre o Catastro e o INE revela que case o 45% das vivendas da Merca están baleiras ou en ruínas. «Estamos a 15 quilómetros de Ourense, pero a política de ‘látigo’ e inercia do PP mantennos a un século de distancia do progreso», sinala Sousa.

O plan «Patios de Paz» contempla un investimento anual de entre 80.000 e 100.000 euros para consolidar muros, limpar parcelas con gravilla, instalar bancos e plantar unha magnolia en cada espazo. Ademais, cada patio contará cunha táboa informativa que relate a historia da familia que habitou a casa, recuperando así a memoria viva das parroquias.

Seguridade xurídica e custo cero para o veciño

A proposta socialista destaca pola súa seguridade xurídica. Basease nun modelo de cesión de uso por 50 anos onde o Concello actúa como «custodio» do patrimonio. «O propietario non perde a súa casa; gaña un mantemento profesional a custo cero», explica o voceiro do PSdeG-PSOE na Merca.

O convenio permite que o dono recupere a posesión de xeito inmediato se decide rehabilitar, construír de novo ou vender para uso residencial. Nese momento, o propietario só tería que abonar unha parte do investimento inicial (1.000 euros) para recibir unha parcela limpa, consolidada e lista para crear vida.

A economía ao servizo do pobo

Carlos Sousa Stolte defende que esta moción é unha demostración de que outra forma de gobernar é posible: «A economía debe ser un servo do pobo e non o seu amo. Mentres o PP usa o orzamento para alimentar redes clientelares e un control administrativo obsoleto, nós propoñemos unha ferramenta de progreso compartida coas asociacións veciñais e de montes».

O Grupo Socialista instará ao goberno local a que busque o apoio da Deputación e da Xunta para financiar este plan, que consideran «a única alternativa real para evitar que A Merca desapareza entre as silvas e o esquecemento».