concellos Denuncias

O PSOE de Ribadavia denuncia que o PP non desenvolveu nin un só metro novo de parque empresarial nesta lexislatura

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA DENUNCIA QUE TRAS TRES ANOS DE LEXISLATURA O MUNICIPIO SEGUE SEN UN SÓ METRO NOVO DE PARQUE EMPRESARIAL, A PESAR DAS PROMESAS ELECTORAIS DO PARTIDO POPULAR

As e os socialistas lembran que durante a campaña electoral o rexedor comprometeuse a impulsar o parque empresarial e a atraer investimento produtivo. “A día de hoxe, non só non cumpriu esas promesas, senón que non foi quen de avanzar nin un só paso real”, sinalan

“Todo o solo industrial actualmente ocupado responde ao traballo realizado por alcaldes e alcaldesas socialistas”, afirman as e os socialistas, que tamén apuntan que “pola contra, o actual goberno non só non ampliou este legado, senón que durante o seu mandato mesmo se produciron peches de empresas”

“O parque empresarial é unha prioridade estratéxica para Ribadavia, e non pode seguir sendo unha promesa incumprida lexislatura tras lexislatura”, conclúen

Ribadavia, 23 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia a parálise “absoluta” do goberno municipal en materia de desenvolvemento económico cando se cumpren xa tres anos de lexislatura. As e os socialistas denuncian que fronte ás promesas electorais do actual alcalde, a realidade “é contundente e Ribadavia non conta nin cun só metro novo de solo industrial nin coa chegada de novas empresas”.

As e os socialistas lembran que durante a campaña electoral o rexedor comprometeuse a impulsar o parque empresarial e a atraer investimento produtivo. “A día de hoxe, non só non cumpriu esas promesas, senón que non foi quen de avanzar nin un só paso real”, sinalan.

Dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia subliñan que os gobernos socialistas anteriores impulsaron de maneira constante o parque empresarial, facilitando a implantación de empresas e consolidando o tecido produtivo local. “Todo o solo industrial actualmente ocupado responde ao traballo realizado por alcaldes e alcaldesas socialistas”, afirman as e os socialistas, que tamén apuntan que “pola contra, o actual goberno non só non ampliou este legado, senón que durante o seu mandato mesmo se produciron peches de empresas”. Neste senso explican que o actual goberno municipal “suma 5 anos ao fronte do concello, os actuais 3 e 2 na anterior lexislatura, nos que foi incapaz de atraer empresas e desenvolver o tecido económico do municipio”.

A formación socialista critica tamén que o executivo local estea centrando os seus esforzos en “eventos e festas”, mentres descoida cuestións estruturais clave como o emprego e o desenvolvemento económico. “Ribadavia necesita oportunidades, non propaganda”, destacan.

Ademais, alertan da situación demográfica do municipio, que por primeira vez na súa historia baixará dos 5.000 habitantes, o que implicará a redución do número de concelleiros na corporación. “Este dato evidencia a falta de proxecto e de xestión dun alcalde que nin está nin se lle espera”, afirman.

O PSdeG-PSOE considera que, ante a proximidade dun novo ciclo electoral, o alcalde volverá recorrer á mesma estratexia baseada en anuncios e infografías de proxectos que non se materializan. “Xa o vimos no pasado e estamos seguros de que o repetirá: moita imaxe e pouca realidade”, sinalan.

Por todo isto, as e os socialistas reclaman un cambio de rumbo na política municipal e insisten na necesidade de apostar por medidas reais que impulsen o emprego e fixen poboación. “O parque empresarial é unha prioridade estratéxica para Ribadavia, e non pode seguir sendo unha promesa incumprida lexislatura tras lexislatura”, conclúen.