AS E OS SOCIALISTAS ESIXEN NA DEPUTACIÓN UN MANDO ÚNICO PARA TODOS OS SERVIZOS DE EMERXENCIAS DA PROVINCIA DE OURENSE
A deputada Eva Pérez Gamote defende que a Deputación elabore nun prazo de seis meses un Plan Integral de Emerxencias que integre os bombeiros comarcais e os GES baixo unha coordinación unificada
O Grupo Provincial Socialista denuncia que os GES realizan funcións de bombeiros nunha situación de ambigüidade xurídica e laboral que prexudica ao persoal e sobrecarga os concellos con competencias que non lles son propias
Os socialistas alertan de que o 80% do orzamento do Consorcio de Bombeiros, de 6,48 millóns de euros, vai a persoal, cunha dependencia crónica das horas extraordinarias que evidencia a falta de efectivos
Ourense, 24 de abril de 2026. O Grupo Provincial Socialista leva ao vindeiro pleno da Deputación de Ourense unha iniciativa para a creación dun Sistema Provincial Unificado de Emerxencias. A iniciativa foi presentada este venres pola deputada Eva Pérez Gamote, acompañada polo secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila. «O que pedimos é que haxa directrices claras e un mando único que coordine a todos os axentes que participan na extinción dos lumes», salientou Pérez Gamote.
«A Deputación ten competencias sobre os bombeiros comarcais e capacidade para instar á Xunta a integrar os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), así que está en condicións de liderar este cambio e non pode seguir adiando esta responsabilidade», dixo. A deputada socialista fixo fincapé na situación do rural ourensán, nomeadamente despois dos devastadores incendios do verán de 2025. «Vimos como os lumes podían chegar ás vivendas! A veciñanza das nosas aldeas merece un sistema de emerxencias á altura desa ameaza», subliñou Pérez Gamote, quen denuncia que a falta de planificación e coordinación incrementa os riscos.
«A magnitude do que vivimos, e a tendencia a que isto se repita e mesmo se agrave, converten esta cuestión nun imperativo de seguridade pública que non admite máis demoras», engadiu a deputada. A experiencia dos últimos anos demostra que a falta de planificación e coordinación incrementa o risco e as consecuencias dos incendios, sobre todo cando afectan a vivendas e núcleos de poboación, e a provincia de Ourense non pode permitirse seguir afrontando cada verán sen un sistema á altura das circunstancias.
Os socialistas apuntan ao modelo dos GES como un dos problemas de fondo: dependen dos concellos e, na práctica, realizan funcións propias de bombeiros sen contar co marco organizativo nin laboral requirido. «Están a facer de bombeiros sen ser recoñecidos como tal, quedando o persoal e os concellos nun limbo que non pode prolongarse», afirmou Pérez Gamote. A moción insta á Deputación e á Xunta a integrar plenamente os GES no Consorcio Provincial de Bombeiros, garantindo un cadro homoxéneo e claro para todo o persoal e mantendo a presenza territorial do servizo en colaboración cos concellos.
Un Consorcio que funciona pero que non mellora nin se moderniza
Os socialistas analizaron tamén o estado do Consorcio Provincial de Bombeiros, cuxa situación orzamentaria reflicte as debilidades do modelo. Dos 6,48 millóns de euros previstos para 2026, arredor do 80% destínase a persoal, cun elevado volume de horas extraordinarias que evidencia a falta de efectivos suficientes. Para os socialistas, o investimento en medios materiais, infraestruturas e equipamentos resulta “claramente insuficiente”. «Estamos ante un sistema que garante o funcionamento, pero que non mellora nin se moderniza. E así non podemos seguir», sinalou Pérez Gamote.
A moción reclama a cobertura inmediata das vacantes existentes, a creación de prazas estruturais e o cumprimento efectivo do Convenio Colectivo, acometendo a súa revisión e adaptación ás condicións reais do traballo. A iniciativa socialista propón elaborar no prazo de seis meses un Plan Integral de Emerxencias que estableza un modelo operativo baseado nun mando único, que abranga todos os servizos e incorpore mecanismos de planificación anticipada dos riscos. «Ourense ten dereito a contar coas emerxencias que a súa cidadanía merece», concluíu Pérez Gamote.

