concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás aposta por converter o ano Oteriano nun impulso da cultura e a lingua no municipio

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS PROPÓN CONVERTER O ANO OTERIANO NUN IMPULSO PARA REFORZAR A CULTURA E A LINGUA GALEGA NO MUNICIPIO

As socialistas levarán ao vindeiro pleno municipal unha moción para promover unha programación municipal específica con motivo do Ano Oteriano 2026 e reforzar así o compromiso do concello coa defensa e a promoción da lingua galega

Ana Belén Peleteiro destaca que “esta moción nace cun espírito construtivo e cunha visión de futuro para Barbadás” e apunta que “queremos aproveitar unha efeméride tan relevante como o Ano Oteriano para fortalecer a nosa identidade cultural, poñer en valor o galego e abrir novas oportunidades para a participación cidadá arredor da cultura”

Con esta iniciativa, o Grupo Socialista reafirma o seu compromiso cun Barbadás máis dinámico, participativo e orgulloso da súa identidade, facendo do Ano Oteriano unha oportunidade para mirar ao futuro desde a cultura e desde Galicia

Barbadás, 27 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao vindeiro pleno municipal unha moción para promover unha programación municipal específica con motivo do Ano Oteriano 2026 e reforzar así o compromiso do concello coa defensa e a promoción da lingua galega.

A iniciativa socialista busca aproveitar a conmemoración do 50 aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo como “unha oportunidade para dar un novo impulso á política cultural municipal”, apostando por unha programación participativa, descentralizada e enraizada no territorio, que involucre á veciñanza, ao tecido asociativo e á comunidade educativa.

A concelleira socialista Ana Belén Peleteiro destaca que “esta moción nace cun espírito construtivo e cunha visión de futuro para Barbadás” e apunta que “queremos aproveitar unha efeméride tan relevante como o Ano Oteriano para fortalecer a nosa identidade cultural, poñer en valor o galego e abrir novas oportunidades para a participación cidadá arredor da cultura”.

A proposta inclúe o deseño dunha programación cultural específica ao longo de 2026, co galego como lingua vehicular, así como o impulso de actividades arredor do Día das Letras Galegas, iniciativas nos centros educativos e colaboración co tecido asociativo local para dinamizar a cultura galega en todas as parroquias.

Para Ana Belén Peleteiro “Barbadás ten potencial para liderar un proxecto cultural ambicioso e integrador, e esta moción vai precisamente nesa dirección: sumar, construír e facer da cultura unha ferramenta de cohesión social e de orgullo colectivo”.

Desde o PSdeG-PSOE subliñan que a moción non se limita a unha homenaxe simbólica a Otero Pedrayo, senón que formula unha proposta para consolidar políticas públicas que reforcen o uso social do galego e promovan unha programación cultural máis continuada e transformadora.

“Defender o galego e apostar pola cultura é tamén apostar polo futuro do noso concello”, sinala Peleteiro, quen incide en que “as administracións locais teñen que ser parte activa na normalización lingüística e na creación de espazos onde a nosa lingua e a nosa cultura sexan protagonistas”.

A moción tamén recolle campañas de sensibilización sobre a importancia do uso do galego, especialmente entre a mocidade, e reivindica a presenza da lingua propia en toda a programación cultural e institucional do Concello.

Con esta iniciativa, o Grupo Socialista reafirma o seu compromiso cun Barbadás máis dinámico, participativo e orgulloso da súa identidade, facendo do Ano Oteriano unha oportunidade para mirar ao futuro desde a cultura e desde Galicia.