ConMemora Executiva Provincial de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

A Executiva Provincial aproba o nomeamento da comisión organizadora do V ConMemora


O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA UNHA SESIÓN ORDINARIA DA SÚA EXECUTIVA PROVINCIAL COA VISTA POSTA NAS MUNICIPAIS DO 2027 E NUNHA NOVA EDICIÓN DE CONMEMORA, QUE TERÁ LUGAR O 22 DE MAIO EN ALLARIZ

Na xuntanza fíxose balance interno do intenso traballo político e orgánico desenvolvido nos últimos meses, cunha folla de ruta centrada no fortalecemento do proxecto socialista en todo o territorio e na preparación das vindeiras eleccións municipais do 2027

Un dos puntos centrais da reunión foi tamén o nomeamento da Comisión Organizadora da V edición do ConMemora, a gran xuntanza anual do socialismo ourensán, que terá lugar o venres 22 de maio pola tarde en Allariz, converténdose unha vez máis nun espazo de encontro da militancia, recoñecemento e reivindicación dos valores socialistas

Vila pechou a reunión cun chamamento á unidade e á mobilización da organización: “Temos proxecto, temos equipo e temos gañas. Agora toca seguir sumando, seguir escoitando e seguir construíndo desde cada agrupación o cambio que merece Ourense”

Ourense, 27 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar esta tarde na sede provincial unha nova reunión ordinaria da Comisión Executiva Provincial, na que se fixo balance interno do intenso traballo político e orgánico desenvolvido nos últimos meses, cunha folla de ruta centrada no fortalecemento do proxecto socialista en todo o territorio e na preparación das vindeiras eleccións municipais do 2027.

Durante a sesión, o secretario xeral provincial, Álvaro Vila Araújo, deu conta da labor realizada pola dirección provincial desde comezos de ano, marcado por un percorrido constante polas comarcas e concellos da provincia, en contacto directo coas agrupacións locais, portavoces, alcaldes e alcaldesas, para avanzar na configuración das futuras candidaturas e consolidar un proxecto político “sólido, próximo e conectado coa realidade de cada municipio”. Un traballo que continúa a liña marcada nas anteriores executivas e comités provinciais, centrada en reforzar a presenza do partido no territorio, fortalecer a estrutura comarcal e construír as mellores candidaturas para ampliar o poder municipal socialista na provincia.

“Levamos meses traballando arreo, escoitando á militancia e á veciñanza, percorrendo a provincia e preparando desde abaixo candidaturas fortes, solventes e con vocación de goberno”, subliñou Vila. “O PSdeG-PSOE de Ourense está organizado, activado e coa ambición de ser a alternativa progresista que precisan moitos concellos desta provincia”, engadiu.

No marco do informe político e orgánico tamén se puxo en valor o proceso de reorganización interna desenvolvido nos últimos meses, coa consolidación do traballo comarcal e a coordinación coas agrupacións locais como eixos estratéxicos dunha nova etapa para o socialismo ourensán.

V edición do ConMemora en Allariz

Un dos puntos centrais da reunión foi tamén o nomeamento da Comisión Organizadora da V edición do ConMemora, a gran xuntanza anual do socialismo ourensán, que terá lugar o venres 22 de maio pola tarde en Allariz, converténdose unha vez máis nun espazo de encontro da militancia, recoñecemento e reivindicación dos valores socialistas.

A cita servirá para reunir cargos orgánicos e institucionais, militantes e simpatizantes de toda a provincia nunha xornada de convivencia política e memoria democrática que se ten consolidado como unha referencia dentro do calendario orgánico provincial.

“ConMemora é xa un símbolo de identidade colectiva para o socialismo ourensán, un espazo para compartir proxecto, memoria e futuro, e esta quinta edición en Allariz volverá demostrar a forza dun partido vivo e en movemento”, destacou Álvaro Vila.

Outros acordos da Executiva

A Comisión Executiva Provincial abordou tamén cuestións organizativas incluídas na orde do día. Desde a dirección provincial salientaron que esta reunión dá continuidade ao traballo desenvolvido polas anteriores reunións, nas que se veu incidindo na necesidade de reforzar o partido comarca a comarca, ampliar presenza no territorio e seguir construíndo unha alternativa de progreso para a provincia.

Vila pechou a reunión cun chamamento á unidade e á mobilización da organización: “Temos proxecto, temos equipo e temos gañas. Agora toca seguir sumando, seguir escoitando e seguir construíndo desde cada agrupación o cambio que merece Ourense”.