AS E OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE O PP VOLTA ÁS VELLAS LÓXICAS NA DEPUTACIÓN E REPARTE CASE O TRIPLO DE FONDOS PROVINCIAIS ENTRE OS CONCELLOS QUE GOBERNA
De cada 13 euros para municipios, 8 se reparten a criterio do grupo de goberno sen baremo público nin concorrencia, case o dobre da parte que se distribúe sobre criterios obxectivos que o propio PP pactou ao inicio do mandato co Plan CooperOU
Un veciño dun concello do PP recibe 103 euros mentres un veciño dun concello do PSOE recibe 35, con poboacións case idénticas —80.517 e 72.204 habitantes respectivamente—non existe ningunha xustificación obxectiva para esta diferenza
O Grupo Provincial Socialista leva a Pleno dúas mocións de urxencia social: a creación dun mando único de emerxencias na provincia e a dotación dun pneumólogo fixo no Hospital de Valdeorras para os enfermos de silicose
Ourense, 28 de abril de 2026. O Grupo Provincial Socialista (GPS) na Deputación de Ourense denunciou que a modificación de crédito que o PP someterá a votación no vindeiro pleno supón o regreso a un modelo de reparto discrecional e partidista de fondos públicos que se cría superado ao inicio deste mandato. Nesta operación, que ascende a uns 13 millóns de euros, o investimento provincial por habitante nos concellos gobernados polo PP alcanza os 103,61 euros, fronte aos 35,53 euros por veciño nos concellos gobernados polo PSdeG-PSOE. «Con poboacións case idénticas, a diferenza é de case o triplo», subliñou Álvaro Vila.
O secretario provincial dos socialistas explicou que a modificación divide os fondos para concellos en dous bloques. Segundo afirmacións da vicepresidenta Marta Nóvoa na comisión informativa do mércores 22 de abril, 5 millóns de euros distribúense con criterios obxectivos mentres que os 8 millóns restantes se asignan de xeito discrecional. «Ao principio deste mandato chegamos a un acordo para repartir a meirande parte dos fondos con criterios obxectivos e de aí a aprobación do Plan CooperOu. Nesta modificación volvemos ao punto de partida, a como se facía antes», afirmou Vila.






O GPS elaborou a comparativa cruzando os datos da propia modificación de crédito co padrón municipal, excluíndo o Concello de Ourense capital por superar os 20.000 habitantes e quedar fóra do ámbito de cooperación provincial. A análise confirma que os criterios do Plan CooperOU —poboación, núcleos, envellecemento e superficie—, acordados co PP ao inicio do mandato precisamente para evitar a discrecionalidade, non rexen nesta modificación. Para o líder provincial socialista, «volvemos á liña de saída, de como se facía anteriormente. E agora temos os datos que o demostran».
Con as eleccións municipais de maio de 2027 no horizonte, os fondos distribuídos a través desta modificación de crédito executaranse nos próximos meses nos concellos do PP. «É un xesto aos alcaldes do PP para que poidan executar investimentos visibles para a veciñanza antes das eleccións», sinalou Vila. Malia a discrepancia, o GPS optará por unha abstención construtiva no Pleno, “para non bloquear uns fondos que en calquera caso deben chegar aos concellos”, e solicitará formalmente o detalle completo dos criterios de asignación dos recursos.
Dúas mocións sobre emerxencias e silicose
O pleno do 29 de abril inclúe tamén dúas mocións do GPS sobre materias de urxencia social. A primeira reclama a creación dun Sistema Provincial Unificado de Emerxencias con mando único que integre os bombeiros comarcais e os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, que operan hoxe nunha situación de ambigüidade xurídica e laboral que prexudica o persoal e sobrecarga os concellos con competencias que non lles son propias. Case un ano despois dos devastadores incendios do verán de 2025, a provincia de Ourense segue sen un plan de emerxencias provincial nin un mando único de coordinación.
A segunda moción insta a que a Deputación exerza presión sobre a Consellería de Sanidade para dotar o Hospital de Valdeorras dunha praza estable de pneumoloxía para atender os enfermos de silicose da comarca, un ano despois de que o PP vetase esta mesma demanda na cámara provincial co voto de calidade do presidente. Valdeorras é a comarca con maior concentración de casos de silicose do Estado, nun territorio que produce o 70% da lousa española, e os afectados levan máis dun ano con concentracións semanais diante do hospital reclamando o especialista que non teñen.

