O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA A “GRAVÍSIMA” SITUACIÓN QUE VIVE A SANIDADE PÚBLICA DE VERÍN E ESIXE REFORZAR OS SERVIZOS DE PALIATIVOS, HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO E CARDIOLOXÍA NO HOSPITAL COMARCAL
A deputada socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, alerta de que os servizos “se están sostendo polo compromiso dos profesionais e non pola planificación da Xunta”
“Estamos a falar de efectos concretos en paliativos: pasamos dun modelo estruturado a unha situación na que apenas hai unha consulta de enfermaría á semana para atender arredor de 20 pacientes”, advirte
Rodríguez Dacosta tamén denuncia a falta de atención de cardioloxía próxima, que está obrigando a numerosos pacientes a desprazarse ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
Verín, 29 de abril de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao Parlamento de Galicia a situación da sanidade pública en Verín, que cualifica de atoparse nunha situación “moi grave”. As e os socialistas reclaman medidas “urxentes” para reforzar a hospitalización a domicilio, os coidados paliativos e a atención de cardioloxía no Hospital Comarcal.
A deputada autonómica por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta, denuncia que “o que está pasando neste hospital comarcal é moi grave e afecta a servizos esenciais”, apoiándose nas advertencias dos propios profesionais sanitarios e das organizacións sindicais, que alertan dun empeoramento claro na atención. “As alertas son claras: hai un deterioro na hospitalización a domicilio, nos coidados paliativos e na atención cardiolóxica”, subliña.





“Un servizo sostido polo compromiso dos profesionais”
Rodríguez Dacosta pon especial énfase na situación da hospitalización a domicilio e dos coidados paliativos, onde —segundo explica— se produciu un retroceso evidente. “Estamos a falar de efectos concretos en paliativos: pasamos dun modelo estruturado a unha situación na que apenas hai unha consulta de enfermaría á semana para atender arredor de 20 pacientes”, advirte.
Neste contexto, é especialmente crítica coa Xunta de Galicia: “é un servizo que hoxe se sostén polo compromiso dos profesionais e non pola planificación da propia Xunta”.
Desprazamentos “inxustificables” para pacientes maiores
A deputada tamén denuncia a falta de atención de cardioloxía próxima, que está obrigando a numerosos pacientes a desprazarse ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. “Moitos pacientes, especialmente persoas maiores, teñen que desprazarse máis dunha hora para probas que deberían facerse en Verín”, sinala.
Unha situación que cualifica de “inxustificable” tendo en conta as características da comarca: “nun territorio envellecido e disperso como o de Monterrei, isto non se pode permitir”.
Iniciativas no Parlamento
Ante esta situación, o PSdeG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia —incluíndo unha proposición non de lei e preguntas en diferentes formatos— para esixir explicacións e solucións á Xunta. O obxectivo, segundo explica Rodríguez Dacosta, é claro: “exixir que a Xunta actúe, que recupere a hospitalización a domicilio, que reforce os coidados paliativos e que garanta unha atención cardiolóxica próxima”.
“Non imos permitir que a veciñanza de Verín e da comarca de Monterrei siga perdendo servizos sanitarios”, conclúe.

