O Grupo Popular rexeita o único punto da moción socialista sobre emerxencias que comprometía á Deputación a elaborar un Plan Integral con mando único para todos os servizos da provincia, con resposta conxunta ante os incendios forestais.
O PP vota novamente en contra de instar á Xunta de Galicia a dotar ao centro hospitalario de Valdeorras dunha praza estable de pneumoloxía como reclama Asilival, que leva máis dun ano con concentracións semanais diante do centro.
O resto dos puntos das mocións socialistas saíron adiante co apoio do pleno, incluíndo a integración dos GES no Consorcio de Bombeiros e o recoñecemento da silicose como grave problema de saúde pública.
Ourense, 30 de abril de 2026. O Grupo Provincial Socialista obtivo no pleno de hoxe da Deputación de Ourense un respaldo maioritario nas dúas mocións presentadas sobre emerxencias e silicose, agás nos puntos centrais de cada iniciativa, vetados polo Grupo Popular. En total, 9 dos 11 puntos propostos saíron adiante. O PP bloqueou, en cada caso, o único que comprometía unha acción directa e estrutural da corporación provincial: o Plan Integral de Emerxencias con mando único e a praza fixa de pneumoloxía para o Hospital Comarcal de Valdeorras.
«O que pedimos é que haxa directrices claras e un mando único que coordine a todos os axentes que participan na extinción dos lumes», afirmou no pleno a deputada Eva Pérez Gamote, que defendeu a moción de emerxencias. O Grupo Popular rexeitou precisamente o punto que instaba á Deputación a elaborar ese Plan Integral como un instrumento que abranguese todos os servizos, incorporase mecanismos de planificación anticipada dos riscos e tivese como obxectivo central a protección das vivendas e dos núcleos de poboación de toda a provincia.
Os outros puntos aprobados da moción inclúen a cobertura inmediata das vacantes no Consorcio de Bombeiros, a revisión do Convenio Colectivo, a integración dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), a colaboración cos concellos e a incorporación das agrupacións de Protección Civil ao sistema provincial. «Vimos como os lumes podían chegar ás vivendas. A veciñanza das nosas aldeas merece un sistema de emerxencias á altura desa ameaza», subliñou Pérez Gamote.
A segunda moción, sobre a atención sanitaria das persoas afectadas pola silicose en Valdeorras, foi presentada no pleno polo presidente da asociación de afectados (Asilival), José Rodríguez. O PP volveu votar en contra do punto que instaba á Consellería de Sanidade a dotar o Hospital Comarcal dunha praza de pneumoloxía con presenza estable, reproducindo o mesmo veto que xa exercera no pleno de abril de 2025, cando o presidente da Deputación resolveu un empate co seu voto de calidade en contra da vontade maioritaria de tres dos catro grupos da corporación.
O PP acepta o diagnóstico mais rexeita a solución
Os aspectos aprobados da moción da silicose inclúen o recoñecemento da doenza como grave problema de saúde pública na provincia e o mandato de realizar con urxencia o estudo epidemiolóxico solicitado pola CIG-Saúde Valdeorras, pendente de resposta desde hai máis dun ano, así como a apertura dun diálogo formal con Asilival sen condicionar ese proceso. O grupo de afectados reúne 227 persoas e leva máis dun ano organizando concentracións cada xoves diante do hospital comarcal. A provincia de Ourense rexistrou 61 novos casos de silicose só en 2024.
O patrón do voto conservador nas dúas mocións é o mesmo: acepta os enunciados de principios e rexeita os puntos que obrigan a actuar ás instancias que gobernan. En emerxencias, votou a favor de cubrir vacantes, revisar o convenio ou integrar os GES, mais bloqueou o Plan que daría coherencia ao conxunto. En silicose, asumiu o recoñecemento da doenza como problema de saúde pública, mais negouse a garantir un especialista fixo no hospital. «O andazo non remite. O que non pode seguir é a inacción», afirmou durante o debate a deputada socialista Sherezade Núñez. O voto do PP no pleno de hoxe prolonga esa inacción.

