Concello de Ourense ORZAMENTOS

Jácome presenta uns orzamentos intervidos polos erros do pasado

As socialistas de Ourense sinalan que o orzamento presentado polo Goberno municipal é un parche para tapar erros do pasado e que Jácome volva a desviar o foco

O grupo municipal alerta da ausencia de informe de Intervención e dun plan económico-financeiro “anticipado e cuestionable”

 En Ourense, a 5 de maio de 2026.

A voceira socialista, Natalia González, critica o proxecto de orzamentos presentado polo Goberno local para 2026 trala reunión da xunta de voceiros que tivo lugar esta mañá no Concello de Ourense, cualificándoo como “un documento feito para tapar buratos e non para construír futuro” e denuncia “a falta de respecto institucional” que supón remitir un expediente de máis de 2.000 páxinas o pasado venres para pretendelo despachar nunha reunión o luns. “Non é serio, nin rigoroso e denota a falta de transparencia e participación coa que goberna Democracia Orensana”, afirmou.

Tras unha primeira análise do proxecto de Orzamento Xeral 2026 do Concello de Ourense, as socialistas advirten de importantes carencias tanto no plano técnico como político.

En primeiro lugar, resulta especialmente preocupante que o documento se presente condicionado por un Plan Económico-Financeiro cando nin sequera se dispón da liquidación definitiva do exercicio 2025, requisito imprescindible para acreditar formalmente o incumprimento da estabilidade orzamentaria. Esta circunstancia evidencia que o goberno está a aplicar medidas correctoras sen base xurídica consolidada.

A isto súmase a ausencia do informe de Intervención no expediente, unha peza clave de control financeiro que garante a legalidade e viabilidade das contas públicas. A reiteración de peticións de informe e a devolución do expediente por parte deste órgano non fan máis que incrementar as dúbidas sobre a solvencia do orzamento presentado.

No apartado económico, o incremento do orzamento susténtase en boa medida nun aumento dos ingresos procedentes de taxas e servizos básicos, trasladando así o esforzo á cidadanía. Ao mesmo tempo, recoñécese explicitamente que parte do desequilibrio vén motivado pola regularización de débedas de exercicios anteriores.

En canto aos investimentos, malia os anuncios de incremento, estes seguen a representar unha porcentaxe moi reducida do conxunto do orzamento, o que limita a súa capacidade real de transformación da cidade.

As socialistas consideramos que o orzamento está condicionado polos propios erros de xestión do goberno local. “Non estamos ante un orzamento que marque rumbo, senón ante un orzamento intervido polos erros do pasado”, advertiu.

Estes orzamentos denotan a ausencia clara dun proxecto de cidade. “Non hai prioridades, non hai planificación e non hai unha visión de futuro para Ourense. Hai continuidade en obras xa iniciadas, pero ningunha folla de ruta definida” polo que as socialistas anuncian que solicitarán información detallada sobre diferentes aspectos do expediente e non descartan presentar alegacións