O PSdeG-PSOE de Ourense propón un plan municipal de apoio á natalidade e a creación dun espazo para enterramentos musulmáns
A portavoz do PSdeG, Natalia González, expuxo que ambas iniciativas responden a unha mesma visión de cidade: “Un Ourense que coida, que acompaña e que respecta a diversidade, apostando por políticas públicas que garantan a igualdade de oportunidades, a cohesión social e o benestar da veciñanza”
“O incremento do orzamento susténtase en boa medida no aumento de ingresos procedentes de taxas e servizos básicos, trasladando o esforzo económico directamente á cidadanía. Non hai prioridades, non hai planificación e non hai unha visión de futuro para Ourense”, subliñou a edil socialista María Fernández
En Ourense, a 5 maio de 2026. O grupo municipal socialista no Concello de Ourense presentou hoxe, en rolda de prensa, dúas iniciativas que serán levadas ao vindeiro pleno ordinario do mes de maio, co obxectivo de dar resposta a necesidades sociais reais da cidade e avanzar cara a un modelo máis xusto, inclusivo e adaptado á diversidade que caracteriza á súa poboación.
Por unha banda, as edís do PSdeG propoñen a creación dun Plan Municipal de Apoio á Natalidade e ás Familias, ante a preocupante situación demográfica que vive Ourense, marcada polo envellecemento da poboación, a baixa taxa de natalidade e a perda progresiva de habitantes. A moción recolle un conxunto de medidas integrais orientadas a facilitar a crianza e mellorar a conciliación, entre as que destacan: a posta en marcha de axudas económicas por nacemento ou adopción, o impulso dunha rede municipal de educación infantil de 0 a 3 anos, a creación de servizos de apoio á infancia e ás familias, así como medidas específicas para fogares en situación de vulnerabilidade.
Dende o grupo socialista subliñan que o Concello de Ourense é, actualmente, a única administración que non conta con políticas propias de apoio á natalidade, polo que consideran “imprescindible asumir un papel activo” para garantir condicións dignas e favorecer que as familias poidan desenvolver o seu proxecto vital na cidade, tal e como explicou a voceira e secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González.
Por outra banda, o PSdeG-PSOE defenderá tamén unha moción para garantir enterramentos dignos e respectuosos coas crenzas relixiosas, mediante a habilitación dun espazo específico para a comunidade musulmá no municipio. A iniciativa responde á ausencia actual deste tipo de instalacións na nosa provincia, o que obriga ás familias a asumir elevados custos económicos ou a trasladar os corpos fóra da cidade e incluso do país.
A proposta inclúe a adaptación dun cemiterio municipal existente ou a disposición de solo adecuado, así como o establecemento de canles de diálogo coa comunidade musulmá para asegurar que a solución sexa respectuosa cos seus ritos e tradicións. Ademais, proponse solicitar a colaboración doutras administracións para facilitar a posta en marcha desta infraestrutura.
A portavoz do PSdeG expuxo que ambas iniciativas responden a unha mesma visión de cidade: “Un Ourense que coida, que acompaña e que respecta a diversidade, apostando por políticas públicas que garantan a igualdade de oportunidades, a cohesión social e o benestar da veciñanza”.
Sobre o Orzamento 2026
Sobre o Orzamento proposto polo grupo de goberno de Democracia Orensana, a edil socialista María Fernández afirmou que, logo de analizar o documento, “preocupa especialmente que o expediente non conte co informe de Intervención”, un elemento esencial de control financeiro que garante a legalidade e viabilidade das contas públicas. “Esta ausencia introduce serias dúbidas sobre a solvencia técnica do documento e semella que o alcalde entende a presentación dun presuposto como a dun contrato menor” ao non ter a deferencia de trasladar á oposición un borrador que puidera estudar con máis tempo que os 10 días mínimos establecidos legalmente.
“O propio documento recoñece que o Orzamento se elabora condicionado por un plan económico-financeiro que nin sequera pode tramitarse formalmente ao non existir liquidación definitiva do exercicio 2025, o que evidencia unha planificación baseada en previsións e non en datos consolidados”, subliñou ante o smedios de comunicación.
“Ademais, o incremento do orzamento susténtase en boa medida no aumento de ingresos procedentes de taxas e servizos básicos, trasladando o esforzo económico directamente á cidadanía. Non hai prioridades, non hai planificación e non hai unha visión de futuro para Ourense. Hai continuidade en obras xa iniciadas, pero ningunha folla de ruta definida. En definitiva, estamos ante un orzamento máis pensado para corrixir erros do pasado que para construír o futuro da cidade”, rematou contundente.

