concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás saca adiante as dúas mocións presentadas no pleno municipal

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS LOGRA OS APOIOS NECESARIOS PARA A PROMOCIÓN E POSTA EN VALOR DA FIGURA DE OTERO PEDRAYO E A MELLORA DO CAMPO DE FÚTBOL E O POLIDEPORTIVO

Ana Belén Peleteiro destacou que “esta moción busca que Barbadás se implique activamente na homenaxe a unha das grandes figuras da nosa cultura, convertendo esta efeméride nunha oportunidade para achegar a literatura, a historia e o pensamento galeguista á veciñanza, especialmente á mocidade”

Noemí Pintos sinalou que “falamos de instalacións moi utilizadas que precisan actuacións urxentes para garantir a súa conservación e seguridade”, e engadiu que “o deporte é unha ferramenta clave de cohesión social e saúde, e as administracións teñen a responsabilidade de ofrecer infraestruturas dignas”

A proposta de modificación das bases de execución do orzamento para incrementar as asistencias aos plenos de 150 a 200 euros foi finalmente rexeitada, evidenciando a falta de criterio e coherencia do grupo de goberno

Victoria Morenza puxo de manifesto a contradición do executivo: “non ten sentido que se utilicen estes argumentos cando hai membros do goberno que perciben asistencias e outros teñen dedicación exclusiva. Mestúrase todo para intentar xustificar unha subida que non se sostén”

Barbadás, 5 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás conseguiu os apoios necesarios para a aprobación das dúas mocións que levou ao pleno municipal celebrado na tarde de onte, consolidando deste xeito e unha vez máis a súa aposta por unha política útil, propositiva e centrada nas necesidades da veciñanza.

A primeira das iniciativas, centrada na promoción e posta en valor da figura de Otero Pedrayo, foi defendida pola concelleira Ana Belén Peleteiro e aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación. A proposta aposta por aproveitar o Ano Oteriano 2026 como unha oportunidade para impulsar a cultura e a lingua galega no municipio.

Peleteiro destacou que “esta moción busca que Barbadás se implique activamente na homenaxe a unha das grandes figuras da nosa cultura, convertendo esta efeméride nunha oportunidade para achegar a literatura, a historia e o pensamento galeguista á veciñanza, especialmente á mocidade”. Ademais, subliñou que “é tamén unha forma de reforzar o uso do galego e poñelo no centro da vida cultural do concello”.

Por outra banda, tamén saíu adiante a moción relativa á mellora do campo de fútbol dos Carrís e do polideportivo municipal, defendida pola concelleira Noemí Pintos. Esta iniciativa foi aprobada co apoio de todos os grupos, agás o Partido Popular, que se abstivo. A proposta recolle a necesidade de impulsar un plan de mantemento integral destas instalacións deportivas para garantir o seu bo estado e ofrecer espazos de calidade á veciñanza.

Neste senso, Pintos sinalou que “falamos de instalacións moi utilizadas que precisan actuacións urxentes para garantir a súa conservación e seguridade”, e engadiu que “o deporte é unha ferramenta clave de cohesión social e saúde, e as administracións teñen a responsabilidade de ofrecer infraestruturas dignas”.

Desde o PSdeG-PSOE subliñan que o apoio maioritario a ambas iniciativas demostra a utilidade das propostas socialistas e a súa capacidade para acadar acordos en beneficio do conxunto da cidadanía.

O intento do goberno de subir as asistencias queda rexeitado pola falta de xustificación

A proposta de modificación das bases de execución do orzamento para incrementar as asistencias aos plenos de 150 a 200 euros foi finalmente rexeitada, evidenciando a falta de criterio e coherencia do grupo de goberno.

A voceira socialista, Victoria Morenza, denunciou que “na comisión informativa non se deu ningunha argumentación política para xustificar esta subida”, criticando que o goberno municipal levase ao pleno unha proposta “sen o máis mínimo rigor nin transparencia”.

Xa no pleno, o alcalde xustificou a medida apelando a “poñer en valor o traballo de todos” e ao número de reunións en horario laboral, uns argumentos que Morenza cualificou de “claramente insuficientes”. “As asistencias non teñen nada que ver coa axenda institucional do goberno, están pensadas para os 17 concelleiros e concelleiras da corporación”, lembrou.

A voceira socialista tamén puxo de manifesto a contradición do executivo: “non ten sentido que se utilicen estes argumentos cando hai membros do goberno que perciben asistencias e outros teñen dedicación exclusiva. Mestúrase todo para intentar xustificar unha subida que non se sostén”.

Para o PSdeG, esta proposta evidencia “unha forma de gobernar baseada na improvisación, na falta de explicacións e no intento de aprobar medidas sen o necesario debate político”. A votación deixou ademais en evidencia a falta de unidade do propio Partido Popular (4 concelleiros apoiaron a subida e 2 votaron en contra), e supuxo o rexeitamento dunha medida que non respondía ás prioridades da veciñanza de Barbadás.