Executiva Provincial de Ourense Sanidade

Organizamos un acto en Verín en defensa da sanidade e do futuro do hospital comarcal

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ORGANIZA UN ACTO PÚBLICO EN VERÍN EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA E DO FUTURO DO HOSPITAL COMARCAL

Dende a Executiva Provincial subliñan que “é fundamental escoitar a quen está na primeira liña da atención sanitaria e garantir unha sanidade pública de calidade en igualdade de condicións para todo o territorio”

As e os socialistas insisten en que “o obxectivo deste acto é informar, concienciar e mobilizar á cidadanía ante unha situación que require atención e resposta”, afastándose de calquera interpretación electoralista e centrando o debate na defensa dun dereito fundamental como é o acceso á sanidade pública

A convocatoria servirá tamén para recoñecer o labor da plataforma en defensa da sanidade pública, cuxa mobilización foi determinante para evitar o peche do paridoiro de Verín

Ourense, 6 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense organiza este xoves, 7 de maio, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Verín, un acto público baixo o lema “Loitemos pola sanidade pública: o silencioso desmantelamento do Hospital de Verín”. O obxectivo do evento non é outro que dar voz aos profesionais sanitarios e visibilizar a situación actual que atravesa a sanidade pública na comarca de Monterrei.

Dende a Executiva Provincial explican que esta iniciativa nace “coa vontade de facer visible un problema que afecta directamente á calidade asistencial e ao día a día da cidadanía”, incidindo especialmente nas dificultades que están trasladando os propios profesionais, tanto no Hospital Comarcal de Verín, como nos diferentes centro de atención primaria.

O acto contará coa participación de Eva Pérez Gamote, deputada provincial do PSdeG-PSOE de Ourense; Julio Torrado, secretario de Sanidade do PSdeG; Carmen Rodríguez Dacosta, deputada no Parlamento de Galicia; e Alberto Fidalgo, ex deputado no Congreso. A presentación correrá a cargo de Marina Vaz Quintillán, coordinadora comarcal do PSdeG-PSOE.

Durante a xornada, darase protagonismo ás traballadoras e traballadores do sistema sanitario, que levan tempo advertindo de deficiencias derivadas da falta de planificación e de recursos. Neste senso, dende a Executiva Provincial subliñan que “é fundamental escoitar a quen está na primeira liña da atención sanitaria e garantir unha sanidade pública de calidade en igualdade de condicións para todo o territorio”.

A convocatoria servirá tamén para recoñecer o labor da plataforma en defensa da sanidade pública, cuxa mobilización foi determinante para evitar o peche do paridoiro de Verín. As e os socialistas destacan que “a resposta da sociedade demostrou que a defensa dos servizos públicos é unha prioridade compartida pola cidadanía”.

Así mesmo, dende o PSdeG-PSOE de Ourense insisten en que “o obxectivo deste acto é informar, concienciar e mobilizar á cidadanía ante unha situación que require atención e resposta”, afastándose de calquera interpretación electoralista e centrando o debate na defensa dun dereito fundamental como é o acceso á sanidade pública.

Finalmente, fan un chamamento á implicación social e institucional para garantir o futuro do Hospital de Verín e dos servizos sanitarios da comarca, reiterando o seu compromiso coa defensa dunha sanidade pública, universal e de calidade.