O PSDEG-PSOE DA MERCA DENUNCIA PENALMENTE NA FISCALÍA AO ALCALDE E A UN CONCELLEIRO E DEPUTADO PROVINCIAL DO PP POR PREVARICACIÓN, FALSIDADE DOCUMENTAL E INXURIAS
O voceiro socialista, Carlos Sousa, rexistra un dossier exhaustivo tras consumarse o pasado venres a aprobación definitiva duns orzamentos que o goberno local se negou a rectificar
As e os socialistas esixen as dimisións inmediatas do alcalde, José Manuel Garrido; da concelleira de urbanismo, Josefina Carrera; e do concelleiro e deputado provincial, Rosendo Luis Fernández
A formación advirte de que o proceso podería acarrear a suspensión cautelar inmediata das contas municipais de 2026 e «vacina» ao PP contra o seu habitual manual de propaganda
A Merca, 20 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE da Merca anuncia que da un paso adiante “por dignidade democrática e pola seguridade do municipio” ao rexistrar ante a Fiscalía Provincial de Ourense un denuncia penal contra o núcleo “duro” do goberno local do Partido Popular. A acción xudicial diríxese formalmente contra o alcalde, José Manuel Garrido Sampedro; o concelleiro e deputado provincial, Rosendo Luís Fernández Fernández; e o secretario-interventor da corporación.
A denuncia penal, fundamentada nun rigoroso acorralamento documental e gravacións custodiadas, imputa indicios manifestos de delitos continuados de prevaricación administrativa, falsidade en documento público cometido por funcionario e inxurias graves á autoridade no exercicio das súas funcións.
O fin da vía administrativa e o erro de cálculo do PP
Os feitos consumáronse definitivamente o pasado venres coa última notificación emitida pola alcaldía, que pechaba a vía administrativa e activaba uns orzamentos viciados. O voceiro socialista, Carlos Sousa, explica que «a ninguén lle gusta acudir á xustiza penal, pero o que xamais imos tolerar é que se deixe aos veciños e ás veciñas na máis absoluta indefensión fronte a estratexias caciquís e rancias doutros tempos, onde parece que todo vale con tal de tapar a incompetencia e silenciar á oposición».
Segundo detalla a formación socialista, o cálculo político do goberno local era evidente: forzar á oposición a acudir á vía contencioso-administrativa, sabendo que para cando se ditase sentenza dentro duns anos, os orzamentos de 2026 xa serían historia. «Equivocáronse por completo. Este atropelo non se vai dirimir pola vía lenta dos despachos, senón ante a xurisdición penal», engade Sousa. As e os socialistas avanzan que, no transcurso deste proceso, estudarán persoarse formalmente na causa como acusación particular para solicitar a suspensión cautelar inmediata dos orzamentos e frear en seco os seus efectos xurídicos e financeiros sobre o interese xeral.
Desarmando o «manual de propaganda» do PP
Conscientes das dinámicas de comunicación do Partido Popular, desde o PSdeG-PSOE da Merca desactivaron de antemán a resposta estándar dos gabinetes de prensa conservadores. «Xa nos sabemos de memoria o seu manual: sairán nunhas horas a falar de ‘presunción de inocencia’, a acusarnos de ‘xudicializar a política’ e a repetir a vella consigna de que ‘queremos gañar nos xulgados o que non gañamos nas urnas’. Non coa. Ir á Fiscalía cun arsenal de probas documentais e informáticas non é xudicializar a política; é defender a legalidade democrática e obrigalos a responder ante os tribunais por uns actos presuntamente delituosos que non poden tapar con eslóganes electorais», subliña o voceiro socialista.
Asemade, Carlos Sousa advirte contra a segunda parte da estratexia do PP: «Cando as probas son incontestables e non teñen argumentos legais, o manual do bo cacique ordena atacar ao mensaxeiro a través da súa maquinaria do fango, dicindo que actuamos por rencor ou vinganza. Isto non é unha pataleta persoal; vai dun Código Penal presuntamente pisoteado, de firmas en documentos oficiais que non cadran coa realidade e da seguridade dos nosos veciños».



Esixencia de dimisións inmediatas
Pola extrema gravidade das condutas que xa investiga a xustiza criminal, o PSdeG-PSOE na Merca esixe a saída inmediata dos seus cargos dos tres responsables políticos do despropósito:
Ao alcalde, José Manuel Garrido Sampedro, denunciado penalmente por prevaricación administrativa continuada e falsidade documental ao amparar coa súa firma resolucións arbitrarias e a validez dun acta oficial cuxa falta de veracidade é insostible ante as evidencias custodiadas.
Á concelleira de urbanismo, Josefina Carrera Carrera, á que se esixe a súa dimisión inmediata pola súa flagrante deixación de funcións na xestión da súa área, pola súa total irresponsabilidade ao mirar para outro lado ante as denuncias dos veciños e os graves problemas na súa área, e por respaldar conscientemente co seu voto as resolucións arbitrarias emitidas en contra do interese xeral.
Ao concelleiro e deputado provincial, Rosendo Luís Fernández Fernández, polos presuntos delitos de prevaricación administrativa continuada ao votar a sabendas resolucións inxustas en contra do interese xeral e por cruzar todas as liñas vermellas proferindo insultos graves e expresións degradantes cara á oposición nos plenos. As e os socialistas destacan que a súa alusión literal a esixir «controis de doping» á oposición figura textualmente nas actas oficiais do concello, unha conduta intolerable e incompatible coas súas altas responsabilidades na Deputación de Ourense ou a presidencia do INORDE.
«Un cargo público non é un traxe que un se quita segundo o edificio no que entre; quen non ten decoro nin respecta a legalidade e a educación nun concello, arrastra consigo o fango e desprestixia ás institucións de toda a provincia», conclúe Sousa.
O PSOE local pecha o comunicado advertindo que «A Merca non é o cortello de ninguén» e que manterán a cabeza alta en defensa da legalidade e a dignidade do municipio.

