O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA A “SITUACIÓN LÍMITE” QUE SOFREN VARIOS VECIÑOS E VECIÑAS DO MUNICIPIO POLAS “INACEPTABLES” DEMORAS NAS OPERACIÓNS OFTALMOLÓXICAS
Segundo trasladan as persoas afectadas ao grupo municipal socialista, existen pacientes que levan máis de dous anos agardando por unha intervención cirúrxica, mentres que outros acumulan esperas dun ano e medio ou máis dun ano sen recibir solución algunha
Jesús Pereiras advirte de que “estamos falando de persoas maiores, con problemas de visión e que están vendo seriamente limitada a súa vida diaria por unha operación relativamente sinxela como é unha intervención de cataratas”
Sinala que “hai veciños e veciñas que xa non son capaces nin de baixar unhas escaleiras con seguridade porque apenas ven, e isto está afectando directamente á súa autonomía, á súa mobilidade e á súa calidade de vida”
“Se o Sergas ou a Xunta queren contrastar esta situación, poden poñerse en contacto connosco e facilitarémoslles os datos dos veciños e veciñas afectados que nos autorizaron a trasladar esta problemática”, afirma o voceiro socialista
Cartelle, 20 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia publicamente a “gravísima” situación que están a padecer numerosos veciños e veciñas do municipio como consecuencia das enormes listas de agarda para intervencións oftalmolóxicas no Sergas, especialmente no relativo ás operación de cataratas.
Segundo trasladan as persoas afectadas ao grupo municipal socialista, existen pacientes que levan máis de dous anos agardando por unha intervención cirúrxica, mentres que outros acumulan esperas dun ano e medio ou máis dun ano sen recibir solución algunha. A situación é especialmente preocupante porque, tal e como denuncian as e os socialista, “aínda se están realizando operacións correspondentes as listas do ano 2023, cun ritmo absolutamente insuficiente”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, advirte de que “estamos falando de persoas maiores, con problemas de visión e que están vendo seriamente limitada a súa vida diaria por unha operación relativamente sinxela como é unha intervención de cataratas”. Neste senso, o edil socialista sinala que “hai veciños e veciñas que xa non son capaces nin de baixar unhas escaleiras con seguridade porque apenas ven, e isto está afectando directamente á súa autonomía, á súa mobilidade e á súa calidade de vida”.
Dende o PSdeG-PSOE de Cartelle consideran “inadmisible” que este tipo de intervencións continúen acumulando atrasos tan prolongados no tempo, especialmente cando se trata de operacións habituais e de baixa complexidade. “Non podemos permitir que a sanidade pública abandone ás persoas maiores e ás familias do rural desta maneira”, engade o voceiro socialista.
As e os socialistas de Cartelle poñen ademais á disposición da administración sanitaria os casos concretos das persoas afectadas para que se poida comprobar a realidade desta denuncia. “Se o Sergas ou a Xunta queren contrastar esta situación, poden poñerse en contacto connosco e facilitarémoslles os datos dos veciños e veciñas afectados que nos autorizaron a trasladar esta problemática”, afirma Pereiras Vázquez.
Por último, o PSdeG-PSOE de Cartelle esixe á Xunta de Galicia e á Consellería de Sanidade que reforcen de maneira inmediata os recursos destinados ás intervencións oftalmolóxicas, incrementando o número de operacións e reducindo unhas listas de espera que consideran “inhumanas e impropias dun sistema sanitario público que debería garantir unha atención digna e en prazo”.

