ConMemora Executiva Provincial de Ourense

Allariz acolle este venres a V Xuntanza Socialista de Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA ESTE VENRES EN ALLARIZ A V XUNTANZA SOCIALISTA DE OURENSE CUN ACTO ENFOCADO A REFLEXIÓN, A CONVIVENCIA E AO FORTALEMENTO DO PROXECTO SOCIALISTA NA PROVINCIA

O evento celebrarase a partir das 20:00 horas en Allariz e contará coa presenza de centos de militantes, cargos orgánicos e representantes políticos chegados de diferentes puntos da provincia e contará coa intervención de Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso

Dende a dirección provincial destacan que esta quinta edición “servirá para seguir fortalecendo os lazos entre a militancia, compartir proxecto político e continuar construíndo unha alternativa progresista sólida para a provincia de Ourense”

Salientan que a celebración desta nova edición en Allariz “amosa a vitalidade dunha organización viva, activa e comprometida coa defensa dos servizos públicos, da igualdade, do municipalismo e do progreso da provincia”

Ourense, 19 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra este venres, 22 de maio, en Allariz a V Xuntanza Socialista de Ourense que reunirá a militantes, cargos orgánicos e representantes institucionais chegados de toda a provincia. Un evento que ano tras ano se consolida como un dos principais espazos de encontro, reflexión, convivencia e fortalecemento do proxecto socialista na provincia.

O acto desenvolverase a partir das 20.00 horas no Hotel Eurostars Vila de Allariz e contará coa participación de destacados cargos orgánicos e institucionais do partido. A benvida e presentación correrá a cargo de Patrick Rodríguez, voceiro da Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense. Posteriormente intervirán Elena Peaguda, voceira socialista en Allariz; Álvaro Vila Araújo, secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense; Alba Iglesias, concelleira socialista na cidade de Ourense; José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG; e Patxi López, voceiro do PSOE no Congreso dos Deputados.

A programación completarase coa entrega dos Premios ConMemora 2026 e cunha cea de confraternidade entre militantes e simpatizantes socialistas chegados de diferentes puntos da provincia.

Dende a dirección provincial destacan que esta quinta edición “servirá para seguir fortalecendo os lazos entre a militancia, compartir proxecto político e continuar construíndo unha alternativa progresista sólida para a provincia de Ourense”. Neste sentido, subliñan que a Xuntanza Socialista de Ourense “é xa un símbolo de identidade colectiva do socialismo ourensán e un espazo para compartir memoria, presente e futuro”.

A iniciativa naceu no ano 2022 coa primeira edición celebrada na Peroxa baixo o lema “Olladas de futuro en tempos complexos”, converténdose desde entón nun evento itinerante que xa pasou tamén por Santa Cruz de Arrabaldo, Maceda e Lobios.

Ao longo destas edicións, ConMemora consolidouse como unha cita anual do socialismo provincial, combinando debate político, recoñecemento á traxectoria de militantes históricos e reflexión arredor dos grandes retos sociais e democráticos. Na pasada edición, celebrada en Lobios baixo o lema “Alén da Posverdade”, participaron máis de 250 socialistas de toda a provincia e púxose o foco na loita contra a desinformación e na defensa dos valores democráticos.

O encontro conmemora ademais unha efeméride vinculada ás orixes do socialismo español: a voda do ourensán Pedro de la Iglesia e Juana Pose de la Iglesia, pais de Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE e da UXT, celebrada na igrexa da Trinidade de Ourense no ano 1841.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense salientan que a celebración desta nova edición en Allariz “amosa a vitalidade dunha organización viva, activa e comprometida coa defensa dos servizos públicos, da igualdade, do municipalismo e do progreso da provincia”.