O GRUPO SOCIALISTA NA DEPUTACIÓN DE OURENSE ESIXE A RECUPERACIÓN DOS SERVIZOS SANITARIOS ELIMINADOS E UN PLAN DE REFORZO DOS HOSPITAIS COMARCAIS DA PROVINCIA
A deputada provincial Eva Pérez Gamote presentou, xunto a Álvaro Vila e representantes electos da comarca, a moción fronte ao Hospital de Verín, denunciando a supresión do HADO, a Unidade da Dor e outras especialidades.
O Consello de Contas constata que o 35% das cirurxías de traumatoloxía e o 62% dos tratamentos de hemodiálise na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco se atenden en centros privados constatando unha lóxica para desmantelar o público.
Os socialistas instan á Xunta a elaborar un plan específico de reforzo dos hospitais comarcais galegos que garanta a cobertura estable de especialidades esenciais e para avanzar cara a igualdade sanitaria real entre o rural e as áreas urbanas.
Ourense, 18 de maio de 2026. O Grupo Provincial Socialista na Deputación presentou diante do Hospital Público de Verín unha moción para defensa dos hospitais comarcais e da sanidade pública no rural ourensán. A deputada provincial Eva Pérez Gamote protagonizou o acto, acompañada polo voceiro e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, e por concelleiras e concelleiros da comarca. A iniciativa denuncia o deterioro sistemático dos servizos sanitarios en toda a provincia e toma o centro hospitalario de Verín como expresión concreta dunha tendencia que afecta tamén ao Hospital Público de Valdeorras e outros puntos de atención sanitaria da provincia.
«Presentamos esta moción para defender os hospitais comarcais e a sanidade en toda a provincia de Ourense. Entendemos que o Hospital de Verín é un hospital necesario, o cal xa contaba cuns servizos, como era o do HADO (hospitalizacion a domicilio), unha Unidade da Dor e mesmo un cardiólogo, que xa non están», salientou Pérez Gamote durante a presentación. A deputada socialista denunciou ademais a existencia de grandes listas de espera en reumatoloxía, oftalmoloxía e para a realización de probas diagnósticas, e reivindicou a necesidade de que «as persoas que estamos en postos de representación loitemos pola sanidade que todas e todos merecemos».





Os PSdeG-PSOE de Ourense da conta dun «deterioro sen paliativos» que afecta a múltiples servizos. En Verín, o HADO leva interrompido desde marzo de 2020 e a Unidade da Dor foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, deixando sen atención específica a pacientes con sufrimento crónico nunha comarca rural e envellecida. A praza de cardioloxía permanece vacante desde finais de 2024, o que provoca demoras superiores a catro meses nas primeiras consultas e de máis dun ano para revisións. En especialidades como oftalmoloxía, neuroloxía, uroloxía ou rehabilitación, as listas de espera son de tal magnitude que os propios especialistas están a derivar cara á atención primaria as consultas, sobrecargando aínda máis os centros de saúde de toda a comarca.
Os datos do Consello de Contas dan conta da dimensión estrutural do problema. O máis recente informe de fiscalización da asistencia con medios alleos constata que o 35% das intervencións cirúrxicas de traumatoloxía e o 62% dos tratamentos de hemodiálise na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras se atenden en centros privados. O informe da Conta Xeral do SERGAS do exercicio 2024, o máis actual dispoñible, engade que case o 50% do persoal sanitario ten vinculación temporal e que as interinidades medraron un 13% nun só ano. Para Pérez Gamote, «son datos que non describen un problema conxuntural, senón un modelo de xestión que renunciou á estabilidade asistencial nos hospitais comarcais».
A Deputación ten a obriga de defender os intereses da provincia
A iniciativa socialista lembra que, se ben a sanidade é competencia da Xunta de Galicia, esta realidade non pode ser unha coartada para o silencio das institucións que representan o territorio. «A Deputación de Ourense non xestiona hospitais, mais ten a obriga política e ética de se posicionar con claridade na defensa dunha sanidade pública digna para toda a provincia», afirmou a deputada. Por iso, os socialistas solicitan que a corporación inste á Xunta e ao SERGAS a cubrir de forma inmediata e estable as vacantes de especialistas, a recuperar o HADO e a Unidade da Dor no Hospital de Verín, a reducir as listas de espera e a reforzar a atención presencial fronte á extensión xeneralizada das E-consultas.
O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense insta tamén á Xunta a elaborar e facer público un plan específico de reforzo dos hospitais comarcais galegos que garanta a súa autonomía asistencial, a cobertura estable de especialidades esenciais e a igualdade sanitaria efectiva entre o rural e as áreas urbanas. «Cando reclamamos acceso á saúde non estamos unicamente a referirnos a unha competencia administrativa, senón que estamos a falar de persoas, de xustiza territorial e do dereito das mulleres e homes desta provincia a vivir con dignidade, con independencia do lugar onde residan», concluíu Pérez Gamote.

