Concello de Ourense

Instamos ao Goberno Municipal á recuperación dos Baños do Outeiro

As socialistas de Ourense instan ao Goberno Municipal á concorrencia das axudas ao Patrimonio para a recuperación dos Baños de Outeiro 

A voceira socialista, Natalia González, sinala que Ourense “non pode seguir perdendo patrimonio diante da pasividade dun goberno municipal incapaz de protexer a historia da cidade” e engade que o incendio da Casa de Baños debe marcar “un antes e un despois”

 En Ourense, a 15 de maio de 2026.

As socialistas de Ourense amosan a súa profunda tristeza e indignación tras o incendio que esta madrugada calcinou por completo a antiga Casa de Baños de Outeiro e o destacan como “un dos espazos máis simbólicos da memoria termal e patrimonial da cidade.”

Por este motivo, dende o grupo municipal instan ao Goberno á “impulsar un plan específico de protección e recuperación do patrimonio termal da cidade”. Para iso é preciso “ter vontade e proxecto”, sinala González.  As socialistas sabemos que é posible dado que existen axudas e liñas de financiación autonómicas, estatais e europeas vinculadas á recuperación do Patrimonio Histórico e turístico, como, as  Axudas de Rehabilitación do Patrimonio do Ministerio de Turismo. Polo que reclaman que o Goberno municipal se poña a traballar, deixe de perder fondos e oportunidades que repercuten en patrimonio dos veciños e veciñas de Ourense e “concorran a eles”.

A voceira socialista, Natalia González, sinala que Ourense “non pode seguir perdendo patrimonio diante da pasividade dun goberno municipal incapaz de protexer a historia da cidade” e engade que o incendio da Casa de Baños debe marcar “un antes e un despois”. “Cómpre asumir responsabilidades políticas e abrir dunha vez unha reflexión seria sobre o abandono do patrimonio histórico, cultural e termal de Ourense”.

O que ardeu esta noite non foi só un edificio. Ardeu unha parte da memoria colectiva da nosa cidade.

Hai xa cinco anos, dende o PSdeG-PSOE levamos ao Pleno municipal unha iniciativa para frear o deterioro e rexenerar este enclave histórico, advertindo do abandono progresivo, da ausencia de actuacións e do risco evidente de perda irreversible dun inmoble fundamental para comprender a historia termal de Ourense. Hoxe, lamentablemente, aquela advertencia convértese nunha tráxica realidade.

A Casa de Baños non era só un edificio abandonado. Era parte da identidade de Ourense, dunha cidade que naceu arredor das augas termais e que durante décadas fixo delas motor económico, social e cultural. O sucedido esta madrugada constitúe un mazazo para o termalismo, para o patrimonio e para a autoestima colectiva da cidade.

As socialistas recoñecen e agradecen o traballo dos bombeiros e efectivos de emerxencias que evitaron unha traxedia maior e impediron que o lume se propagase ás vivendas lindeiras.