GOBERNO ESTATAL Infraestruturas SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Destacamos o compromiso do Goberno coa provincia trala adxudicación de 14,9 millóns para a A-52

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA O COMPROMISO DO GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ COA PROVINCIA TRALA ADXUDICACIÓN DE 14,9 MILLÓNS PARA MELLORAR A A-52

Trátase dunha actuación que permitirá mellorar 38 quilómetros dunha infraestrutura “clave para a mobilidade, a seguridade viaria e a cohesión territorial de Ourense e de Galicia”, destacan as e os socialistas

Salientan que o Executivo, presidido por Pedro Sánchez, leva investidos máis de 123 millóns de euros en conservación de estradas e autoestradas na provincia de Ourense dende 2018

Marga Martín subliña que “fronte ao abandono doutras etapas, hoxe Ourense conta cun Executivo que aposta pola seguridade viaria, pola conservación das infraestruturas e pola vertebración territorial”

Rafa Villarino afirma que “o Goberno progresista está cumprindo coa provincia cun volume de investimentos sen precedentes que melloran a calidade de vida da cidadanía e reforzan a competitividade do territorio”

Ourense, 15 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor o compromiso do Goberno de España coa provincia, trala adxudicación, por parte do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, das obras de rehabilitación do firme da autovía A-52 entre A Gudiña e Cualedro, cun investimento de 14,9 millóns de euros.

Trátase dunha actuación que permitirá mellorar 38 quilómetros dunha infraestrutura “clave para a mobilidade, a seguridade viaria e a cohesión territorial de Ourense e de Galicia”, destacan as e os socialistas. Neste senso tamén salientan que o Executivo, presidido por Pedro Sánchez, leva investidos máis de 123 millóns de euros en conservación de estradas e autoestradas na provincia de Ourense dende 2018.

A deputada socialista ourensá no Congreso, Marga Martín Rodríguez, subliña que “o Goberno de Pedro Sánchez está demostrando con feitos o seu compromiso coa provincia de Ourense, impulsando investimentos históricos para modernizar e mellorar as nosas comunicacións”. Martín Rodríguez incide en que “fronte ao abandono doutras etapas, hoxe Ourense conta cun Executivo que aposta pola seguridade viaria, pola conservación das infraestruturas e pola vertebración territorial”.

A parlamentaria socialista tamén destaca que “esta nova actuación na A-52 súmase aos máis de 123 millóns de euros investidos desde 2018 na conservación e mantemento da rede estatal de estradas na provincia, a maior partida da historia destinada ao arranxo de estradas nacionais e autovías en Ourense”.

Pola súa banda, o senador socialista por Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, afirma que “o Goberno progresista está cumprindo coa provincia cun volume de investimentos sen precedentes que melloran a calidade de vida da cidadanía e reforzan a competitividade do territorio”.

Villarino remarca que “a rehabilitación integral do firme da A-52 era unha demanda necesaria para garantir a seguridade e o bo estado dunha das principais vías de comunicación do sur de Galicia” e asegura que “Ourense deixou de ser invisible para o Goberno de España”.

As obras contemplan actuacións de rehabilitación estrutural do firme, reposición de xuntas de dilatación en viadutos e pasos superiores, renovación das marcas viarias e melloras nos elementos de seguridade da vía, co obxectivo de prolongar a vida útil da autovía e incrementar a seguridade da circulación.

O PSdeG-PSOE de Ourense insiste en que o Executivo encabezado por Pedro Sánchez “está a demostrar cun investimento sostido e histórico a súa aposta pola provincia, fronte aos anos de parálise e falta de atención sufridos anteriormente”.