As propostas parten da necesidade de garantir a seguridade xurídica do propio expediente orzamentario, solicitando a incorporación dos informes preceptivos de Intervención e a acreditación das correccións realizadas durante a súa tramitación, así como unha batería de plans para que as políticas municipais repercutan no benestar dos e das ourensás
En Ourense, a 12 de maio de 2026. O grupo municipal socialista de Ourense presentou un conxunto de emendas ao proxecto de Orzamento Xeral do Concello para 2026 orientadas a reforzar a calidade dos servizos públicos, mellorar a planificación económica e dar resposta ás principais necesidades sociais e urbanas da cidade. “En definitiva, traballamos nun presuposto para que a cidade poida medrar”, explicou a edil María Fernández Ojea.
As propostas parten da necesidade de garantir a seguridade xurídica do propio expediente orzamentario, solicitando a incorporación dos informes preceptivos de Intervención e a acreditación das correccións realizadas durante a súa tramitación. Neste senso, tamén se formulan cambios nas bases de execución para reforzar o control interno, a transparencia e o acceso á información durante o desenvolvemento do orzamento.
“No ámbito económico-financeiro, as emendas inclúen a elaboración dun Plan Municipal de Loita contra a Fraude Fiscal e Modernización da Recadación, co obxectivo de mellorar a eficacia na xestión dos ingresos públicos e reforzar os mecanismos de control. Esta medida permitiría incorporar unha previsión adicional de 1,2 millóns de euros ao estado de ingresos”, afondou a socialista en rolda de prensa ante os medios de comunicación.
Así mesmo, as edís do PSdeG propoñen a incorporación dun Plan de Pago a Provedores e dun Plan de Utilización do Remanente de Tesourería para os exercicios 2026-2027, co fin de establecer prioridades, prazos e criterios claros tanto para o “aboamento de obrigas pendentes como para a planificación do uso dos recursos municipais”.
Entre as medidas de carácter social insisten na creación dun Plan Municipal de Vivenda 2026-2030, cunha dotación inicial de 3 millóns de euros con cargo ao Remanente, destinado á rehabilitación urbana, mobilización de vivenda baleira e apoio ao alugueiro xuvenil e social.
No ámbito das políticas de apoio ás familias, recóllese a posta en marcha do programa “Ourense SUMA”, dotado con 280.000 euros, para compensar o incremento das taxas municipais mediante axudas directas. Complétase coa creación do programa “Ourense Medra”, cun investimento de 300.000 euros orientado á infancia, ás familias e á natalidade, así como co reforzo das partidas de emerxencia social, libros, material escolar e comedores.
As emendas incorporan tamén a creación dun Plan Municipal de Apoio Educativo e Campamentos, co obxectivo de ampliar os recursos de conciliación e reforzo educativo durante os períodos non lectivos, garantindo unha oferta pública accesible.
“No ámbito da saúde, cremos imprescindible o desenvolvemento dun Programa Municipal de Saúde Mental e Benestar Emocional centrado na prevención, a sensibilización e o acompañamento comunitario, con especial atención á mocidade, ás persoas maiores e aos colectivos vulnerables para paliar consecuencias que se veñen incrementando dende a pandemia”, defendeu a tamén secretaria de Políticas Sociais da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG.
En materia de igualdade, as propostas apostan polo reforzo das políticas municipais e a elaboración dun Plan Transversal de Igualdade que integre actuacións en diferentes áreas como educación, cultura, deporte, emprego ou urbanismo, ademais de impulsar programas de saúde afectivo-sexual e educación emocional.
No eido cultural e xuvenil tamén propoñen as socialistas un cambio de rumbo amplo, recollendo o desenvolvemento do programa “Ourense Vivo: Talento Local”, orientado ao apoio á cultura de base, ás festas tradicionais e á promoción de artistas emerxentes, así como a creación de iniciativas de ocio alternativo dirixidas á mocidade e políticas de diversidade e inclusión social.
As emendas rexistradas inclúen, ademais, un bloque específico de transformación urbana a través do programa “Ourense Respira”, que contempla actuacións de adaptación climática, mellora de zonas verdes, recuperación do espazo público, eliminación de infraestruturas obsoletas e creación de aparcadoiros disuasorios, entre outras medidas.
A nivel deportivo, proponse o reforzo do apoio ao deporte base, ás entidades deportivas e ás infraestruturas municipais, incluíndo a construción de novos equipamentos como un pavillón específico para ximnasia ou un skate park cuberto.
Por último, inclúese un Plan de Dinamización Turística vinculado á chegada da alta velocidade, con actuacións de rehabilitación do casco histórico, apoio ao comercio tradicional e promoción do patrimonio cultural e termal da cidade.
O conxunto das emendas formúlase garantindo o equilibrio orzamentario, incorporando as correspondentes baixas en partidas con baixa execución ou gasto non esencial, co obxectivo de priorizar investimentos estratéxicos e políticas públicas con impacto directo na cidadanía.
“As socialistas propoñemos que o Concello de Ourense destine o aumento de ingresos ás persoas que apostan pola nosa cidade e que deciden facer aquí o seu proxecto de vida”, rematou.

