O grupo municipal socialista rexistrará ao longo do día de hoxe unha ampla batería de emendas ao proxecto de Orzamento Xeral 2026
As edís do PSdeG consideran que o proxecto aínda se atopa nun momento decisivo e que existen marxes reais para incorporar modificacións de calado capaces de alterar de maneira importante a orientación política e social do documento inicialmente presentado
En Ourense, a 11 de maio de 2026. O grupo municipal socialista rexistrará, ao longo do día de hoxe, unha ampla batería de emendas ao proxecto de Orzamento para 2026. As propostas formuladas parten da vontade de introducir cambios reais nun documento que condicionará o rumbo da cidade no ultimo ano de mandato.
As edís do PSdeG sinalan que as emendas incorporan medidas economicamente viables, con financiamento identificado e elaboradas desde unha perspectiva de responsabilidade institucional. E destacan que o Concello de Ourense afronta, nos vindeiros meses, importantes retos vinculados á continuidade de investimentos xa iniciados, á estabilidade financeira municipal, á regularización da prestación de distintos servizos públicos e á necesidade de ofrecer seguridade e normalidade tanto ás empresas que traballan para a administración como ao propio persoal municipal.
“A cidade non pode permitirse permanecer indefinidamente instalada nun escenario de provisionalidade orzamentaria, especialmente nun contexto no que resulta imprescindible garantir capacidade de planificación, estabilidade administrativa e resposta ás necesidades económicas e sociais acumuladas nos últimos anos”, inciden.
As socialistas consideran que o proxecto aínda se atopa nun momento decisivo e que existen marxes reais para incorporar modificacións de calado capaces de alterar de maneira importante a orientación política e social do documento inicialmente presentado.
A poucos días do Pleno previsto para o vindeiro luns 18 de maio, o goberno municipal deberá decidir se quere continuar instalado nun modelo de confrontación permanente ou se, pola contra, aposta por abrir unha nova etapa baseada no diálogo, a estabilidade e a incorporación de prioridades sociais e urbanas amplamente compartidas.
As concelleiras do PSOE presentarán mañá, publicamente e en rolda de prensa, o contido íntegro das emendas rexistradas e realizarán unha valoración política do escenario que queda aberto tras o peche do prazo de presentación.

