Executiva Provincial de Ourense Memoria Democrática

Reivindicamos a memoria das vítimas do exilio

O PSDEG-PSOE DE OURENSE E XUVENTUDES SOCIALISTAS REIVINDICAN A MEMORIA DAS VÍTIMAS DO EXILIO CUN ACTO NA CASA DO POBO, QUE SERVIU DE HOMENAXE A JUAN NEGRÍN

A formación socialista salientou a necesidade de “manter viva a memoria democrática” e advertiu sobre o avance actual de discursos xenófobos e autoritarios

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas salientaron que este tipo de actos “pretenden contribuír á recuperación e dignificación da memoria das vítimas republicanas” e reivindicaron a importancia de “manter viva a memoria democrática e os valores de liberdade, xustiza e solidariedade”

Ourense, 8 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense e as Xuventudes Socialistas conmemoraron este venres o Día de Recoñecemento das Vítimas do Exilio, cun acto público celebrado na Casa do Pobo, no que se reivindicou a memoria democrática e se homenaxeou ás persoas obrigadas a abandonar España tralo Golpe de Estado de 1936 e a posterior ditadura e represión franquista.

O acto consistiu na proxección do documental “La tragedia del buen doctor: la historia de Juan Negrín”, unha produción de RTVC realizada por R2 Media Films, centrada na figura do médico, humanista e político socialista Juan Negrín López, presidente do Goberno da II República entre 1937 e 1939 e posteriormente no exilio ata 1945.

Tras a proxección tiveron lugar as intervencións de Carmen Rodríguez Dacosta, vicesecretaria xeral provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e deputada no Parlamento de Galicia; Marga Martín, deputada no Congreso; Miguel Gómez, secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense; e Xosé Lois Carrión, secretario provincial de Memoria Democrática do PSdeG-PSOE de Ourense.

Durante a súa intervención, Miguel Gómez asegurou que “é un pracer poder estar aquí neste día tan importante para honrar a memoria de todos aqueles que foron encarcerados nesa cela chamada exilio”. O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense lembrou que “en Galicia, non só por problemas económicos, senón tamén políticos, moitos tiveron que fuxir deixando atrás as súas vidas e as súas familias”, ao tempo que defendeu que “debemos dignificar a todas estas persoas de forma conxunta, todo o país de esquerda a dereita”.

Gómez advertiu tamén de que “o que os nosos avós, bisavós e familiares viviron hai anos segue vixente hoxe en día”, en referencia ás persoas obrigadas a abandonar os seus países por mor de conflitos e réximes autoritarios. Neste senso, subliñou que “España é filla da emigración e non pode ser nai da xenofobia”.

Pola súa banda, Marga Martín destacou que “o 8 de maio é un día para lembrar e para facer xustiza” e reivindicou o papel das persoas que “foron perseguidas por defender a democracia, a liberdade, a legalidade republicana, a cultura e os dereitos sociais”. A deputada socialista defendeu a Lei de Memoria Democrática como “unha lei imprescindible”, xa que “unha democracia madura non pode construírse sobre o silencio nin sobre o esquecemento”.

Martín puxo especial énfase na dimensión feminista da memoria democrática, lembrando que “a represión franquista non foi neutra, senón profundamente machista”. Neste contexto, reclamou o recoñecemento das mulleres represaliadas durante a ditadura e afirmou que “as mulleres encerradas polo Patronato forman parte da nosa memoria democrática”. “Lembrar non é abrir feridas; lembrar é pechalas con verdade, xustiza e reparación”, concluíu.

Na súa intervención, Carmen Rodríguez sinalou que ao longo dos “147 anos de historia” do PSOE houbo poucos episodios “coa carga de profundidade” que supuxo o exilio provocado pola Guerra Civil e a ditadura franquista. A vicesecretaria xeral provincial destacou que “que alguén se vexa na obriga de abandonar a súa terra, a súa casa e a súa xente baixo a ameaza de represión ou morte constitúe un desgarro dificilmente superable”.

Rodríguez incidiu ademais en que o exilio provocado pola defensa das ideas políticas “concérnenos non só dende a solidariedade humana, senón tamén como socialistas herdeiros dun ideal que os exiliados defenderon a tan alto prezo”. Por iso, asegurou que “é de xustiza conmemorar este día dende o recoñecemento e a gratitude a quen padeceu un desterro inxusto e brutal”.

Finalmente, Xosé Lois Carrión centrou a súa intervención na figura de Juan Negrín, ao que definiu como “vítima por partida dobre”, xa que ademais do exilio “foi expulsado do PSOE acusado de estar na órbita da URSS, unha acusación totalmente rebatida polos historiadores”. Carrión lembrou tamén que Negrín foi readmitido a título póstumo no XXXVII Congreso Federal do PSOE celebrado no ano 2008, xunto a outros compañeiros e compañeiras exiliados en México e expulsados do partido en 1946.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas salientaron que este tipo de actos “pretenden contribuír á recuperación e dignificación da memoria das vítimas republicanas” e reivindicaron a importancia de “manter viva a memoria democrática e os valores de liberdade, xustiza e solidariedade”.