A portavoz socialista, Natalia González Benéitez, defendeu a posta en marcha dun Plan Municipal de Apoio á Natalidade e ás Familias, nun contexto marcado pola baixa natalidade e a perda progresiva de habitantes na cidade e creación dun espazo para enterramentos dignos e respectuosos coa crenza musulmá, mediante a habilitación dun lugar adaptado ao rito desta relixión no municipio
En Ourense, a 8 de maio de 2026. O grupo municipal do PSdeG de Ourense levou ao pleno ordinario deste mes de maio dúas iniciativas centradas en mellorar a calidade de vida da veciñanza e dar resposta a realidades sociais que precisan dunha implicación directa do Concello. Ámbalas dúas conseguiron o consenso do Pleno e resultaron aprobadas.
Por unha banda, a portavoz socialista, Natalia González Benéitez, defendeu a posta en marcha dun Plan Municipal de Apoio á Natalidade e ás Familias, nun contexto marcado pola baixa natalidade, o avellentamento da poboación e a perda progresiva de habitantes na cidade. A proposta busca dotar a Ourense de ferramentas propias para apoiar ás familias, facilitar a conciliación e favorecer que desenvolver un proxecto de vida en Ourense sexa unha opción viable.
Entre as medidas recollidas na moción inclúense axudas por nacemento ou adopción, o impulso dunha rede de educación infantil de 0 a 3 anos, a creación de servizos municipais de apoio á infancia e ás familias, así como iniciativas orientadas á conciliación e á corresponsabilidade. Os puntos de acordo do texto quedaron aprobados cos votos a favor do PP e a abstención de BNG e DO.
Por outra banda, o grupo socialista tamén presentou unha proposta para garantir enterramentos dignos e respectuosos coa crenza musulmá, mediante a habilitación dun espazo adaptado ao rito desta relixión no municipio. A iniciativa responde á ausencia actual deste recurso en Ourense, unha situación que, segundo destacou tamén a voceira do PSdeG, xera desigualdades e dificultades engadidas para moitas familias nun momento especialmente sensible.
A moción contempla tanto a adaptación dun espazo existente como a posibilidade de habilitar un novo, así como o establecemento de canles de diálogo coa comunidade musulmá para asegurar unha solución axeitada e respectuosa. A tamén secretaria xeral do PSOE en Ourense agradeceu o consenso unánime de todos os grupos da Corporación municipal, que votaron a favor, que resulta fundamental para combater a discriminación, os discursos de odio e racistas e promover a inclusión de persoas que forman parte da cidade e merecen despedir aos seus seres queridos nun marco de respecto e integridade.
As socialistas destacaron que ambas iniciativas responden a unha mesma prioridade: construír unha cidade máis xusta, que acompañe ás familias e que garanta o respecto á diversidade como base da convivencia.

