concellos Denuncias

O PSOE de Ribadavia presenta un recurso ao pleno irregular do 5 de maio

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA PRESENTA UN RECURSO CONTRA O PLENO “IRREGULAR” DO 5 DE MAIO E DENUNCIA A “DERIVA AUTORITARIA E ANTIDEMOCRÁTICA” DO ALCALDE E DO PP

O grupo municipal socialista considera que o alcalde actuou de “maneira unilateral, sen consenso, sen motivación e incumprindo o acordo aprobado polo propio pleno da corporación”, ao trasladar a sesión ordinaria correspondente ao mes de abril ao mes de maio, “sen xustificación algunha e sen acordo unánime dos grupos municipais”

O recurso presentado polo PSdeG-PSOE de Ribadavia recolle que a decisión da alcaldía vulnera o dereito fundamental de participación política recollido no artigo 23 da Constitución Española, ao impedir o exercicio ordinario das funcións de control político que corresponden á oposición municipal

As e os socialistas denuncian unha forma de gobernar “cada vez máis afastada da transparencia e da participación democrática” e afirman que o rexedor “actúa coas maneiras escurantistas do pasado recente da Deputación de Ourense, como bo alumno da escola Baltar”

Asemade anuncian que se o alcalde decide “mirar para outro lado e ignorar este recurso, seguiremos adiante e adoptaremos todas as medidas e vías que consideremos oportunas”

Ribadavia, 8 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE de Ribadavia vén de presentar un recurso contra a convocatoria e celebración do pleno do pasado 5 de maio por considerar que se vulnerou o acordo plenario que fixa as sesións ordinarias e tamén os dereitos de participación política da oposición.

O grupo municipal socialista considera que o alcalde actuou de “maneira unilateral, sen consenso, sen motivación e incumprindo o acordo aprobado polo propio pleno da corporación”, ao trasladar a sesión ordinaria correspondente ao mes de abril ao mes de maio, “sen xustificación algunha e sen acordo unánime dos grupos municipais”.

As e os socialistas sinalan que “xa advertimos nas comisións que, senón había acordo unánime, non aceptaríamos o cambio de data, e non o houbo”. Nese senso, lembran que “trátase dun cambio de data sen argumento ningún e creemos que pronto descubriremos se non estivo motivado pola súa propia axenda persoal”.

O recurso presentado polo PSdeG-PSOE de Ribadavia recolle que a decisión da alcaldía vulnera o dereito fundamental de participación política recollido no artigo 23 da Constitución Española, ao impedir o exercicio ordinario das funcións de control político que corresponden á oposición municipal. O recurso tamén sostén que se incumpriu o acordo plenario de organización aprobado o 6 de xullo de 2023, que establece a celebración dos plenos ordinarios o último xoves de cada mes.

Desde o grupo socialista denuncian ademais unha forma de gobernar “cada vez máis afastada da transparencia e da participación democrática”. “O alcalde actúa coas maneiras escurantistas do pasado recente da Deputación de Ourense, como bo alumno da escola Baltar”, afirman. “O alcalde non entende que unha boa oposición fai mellor a un goberno municipal e, como non conta para nada coa oposición, o goberno municipal está convertido nun auténtico despropósito”, critican as e os socialistas.

O PSdeG-PSOE tamén censura a negativa do rexedor a convocar os órganos colexiados e consultivos fundamentais do municipio, como o Consello Municipal de Deportes ou o Padroado da Vila Termal de Prexigueiro, o que consideran “un abandono deliberado da participación pública”.

As e os socialistas amosan igualmente a súa preocupación porque este pleno non fose retransmitido, rompendo coa práctica habitual instaurada na anterior lexislatura. “Resulta curioso que precisamente este pleno non se retransmitise, cando todos os anteriores si o foron”, sinalan. Asemade, censuran que o alcalde aproveitase a ausencia da oposición socialista na sesión para “falar de nós e descualificarnos”. Para o PSdeG-PSOE, esta actitude “amosa unha deriva ditatorial constante e profundamente antidemocrática”.

Por último, o Grupo Municipal Socialista advirte ao alcalde de que “agardamos que non teña a tentación de ignorar este recurso, porque a argumentación xurídica é clara e sólida e demostra que estamos ante un pleno irregular”. Nese sentido, anuncian que “se decide mirar para outro lado, seguiremos adiante e adoptaremos todas as medidas e vías que consideremos oportunas”.