Executiva Provincial de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL Sanidade

Así se desenvolveu o acto sobre sanidade en Verín

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA EN VERÍN O “DESMANTELAMENTO SILENCIOSO” DA SANIDADE PÚBLICA NA COMARCA E RECLAMA COMPROMISO CO HOSPITAL COMARCAL

Dende a Executiva Provincial subliñan que “é fundamental escoitar a quen está na primeira liña da atención sanitaria e garantir unha sanidade pública de calidade en igualdade de condicións para todo o territorio”

As e os socialistas insistiron en que “o obxectivo deste acto é informar, concienciar e mobilizar á cidadanía ante unha situación que require atención e resposta”, afastándose de calquera interpretación electoralista

A convocatoria serviu tamén para recoñecer o labor da plataforma en defensa da sanidade pública, cuxa mobilización foi determinante para evitar o peche do paridoiro de Verín

Verín, 7 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar na Casa da Cultura de Verín un acto público baixo o lema “Loitemos pola sanidade pública: o silencioso desmantelamento do Hospital de Verín”, no que puxo o foco na situación da sanidade pública na comarca de Monterrei e no futuro do hospital comarcal.

Dende a Executiva Provincial explicaron que a iniciativa naceu “coa vontade de facer visible un problema que afecta directamente á calidade asistencial e ao día a día da cidadanía”, incidindo especialmente nas dificultades trasladadas polos propios profesionais sanitarios, tanto no Hospital Comarcal de Verín como nos centros de atención primaria.

O acto contou coa participación de Eva Pérez Gamote, deputada provincial; Julio Torrado, secretario de Sanidade do PSdeG; Carmen Rodríguez Dacosta, deputada no Parlamento de Galicia; e Alberto Fidalgo, ex deputado no Congreso, e foi presentado por Marina Vaz Quintillán, coordinadora comarcal.

Durante a xornada, as e os participantes coincidiron en dar protagonismo ás traballadoras e traballadores do sistema sanitario, que levan tempo advertindo de deficiencias derivadas da falta de planificación e de recursos. Neste senso, dende a Executiva Provincial subliñaron que “é fundamental escoitar a quen está na primeira liña da atención sanitaria e garantir unha sanidade pública de calidade en igualdade de condicións para todo o territorio”.

Alberto Fidalgo abordou a evolución do marco normativo sanitario coincidindo co aniversario da Lei Xeral de Sanidade, repasando cuestións clave como os dereitos e deberes da cidadanía, a autonomía do paciente, o dereito á información, o consentimento informado ou o testamento vital, incidindo tamén na importancia dos sistemas de información para garantir unha atención sanitaria axeitada.

Julio Torrado advertiu do “progresivo desmantelamento da atención primaria e dos hospitais comarcais en Galicia”, sinalando que “hoxe hai menos profesionais en primaria que hai vinte anos” e que o investimento sanitario per cápita na comunidade “xa está por debaixo da media estatal, arredor dos 1.900 euros”. Tamén alertou da “concentración de fondos, persoal e recursos cara aos hospitais das grandes cidades, en detrimento dos comarcais”, unha dinámica que, segundo indicou, “abandona territorios e reduce a capacidade asistencial”.

Pola súa banda, Carmen Rodríguez Dacosta puxo en valor as iniciativas presentadas polo Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia insistindo en que “o que está a pasar en Verín é unha realidade que están a denunciar os propios profesionais”. Neste contexto, advertiu do “deterioro progresivo de servizos esenciais, da perda de capacidade asistencial, da sobrecarga do persoal e do incremento constante das derivacións ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”. Ademais, subliñou que “a sanidade pública non se defende só nas institucións, senón tamén nos territorios e coa implicación da cidadanía”, lembrando a mobilización social de 2019 como “un exemplo para toda Galicia”.

Eva Pérez Gamote destacou que o acto ten como obxectivo “dar voz aos profesionais da sanidade e trasladar á veciñanza a situación real que se está a vivir na comarca de Verín”, marcada pola “falta de planificación e de persoal que está a afectar ao hospital e á atención primaria”. Asemade, puxo en valor “o papel clave da mobilización social na defensa dos servizos esenciais” e sinalou que este evento busca “visibilizar o problema e chamar á implicación cidadá para garantir unha sanidade pública de calidade e en igualdade en todo o territorio”.

A convocatoria serviu tamén para recoñecer o labor da plataforma en defensa da sanidade pública, cuxa mobilización foi determinante para evitar o peche do paridoiro de Verín. As e os socialistas destacaron que “a resposta da sociedade demostrou que a defensa dos servizos públicos é unha prioridade compartida pola cidadanía”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense insistiron en que “o obxectivo deste acto é informar, concienciar e mobilizar á cidadanía ante unha situación que require atención e resposta”, afastándose de calquera interpretación electoralista e centrando o debate na defensa dun dereito fundamental como é o acceso á sanidade pública.

Finalmente, fixeron un chamamento á implicación social e institucional para garantir o futuro do Hospital de Verín e dos servizos sanitarios da comarca, reiterando o seu compromiso coa defensa dunha sanidade pública, universal e de calidade.