concellos Denuncias

O PSOE de Punxín denuncia a absoluta neglixencia do bigoberno local ante unha infestación de carrachas no CEIP

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN DENUNCIA A “ABSOLUTA NEGLIXENCIA” DO BIGOBERNO MUNICIPAL TRALA INFESTACIÓN DE CARRACHAS NO CEIP DA LOCALIDADE

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, considera “inadmisible que a incompetencia e a desidia do goberno municipal chegue ata o punto de poñer en risco a saúde dos nenos e nenas do CEIP e da veciñanza”

“A comunidade escolar foi ignorada e ninguneada sistematicamente por un concello máis preocupado por esconder os problemas que por resolvelos”, denuncia

“É extremadamente grave que tivese que ser o propio colexio quen asumise responsabilidades que lle corresponden ao concello mentres o goberno municipal miraba para outro lado”, critica a voceira socialista, quen asegura que “a nula colaboración do executivo local evidencia un nivel de abandono institucional sen precedentes”

Punxín, 7 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia publicamente a “gravísima” situación provocada pola “deixadez e a falta de responsabilidade” do goberno municipal formado polo PP e CxG, despois de terse producido unha infestación de carrachas no recinto escolar do CEIP Punxín debido á falta de limpeza e mantemento das instalacións e dos espazos anexos.

Dende o grupo municipal socialista explican que namentres diferentes concellos da contorna están informando e actuando para garantir o cumprimento das obrigas de limpeza de fincas e prevención de riscos ambientais e sanitarios, en Punxín o propio concello incumpre de maneira reiterada as súas responsabilidades máis básicas en materia de hixiene, salubridade e seguridade pública.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, considera “inadmisible que a incompetencia e a desidia do goberno municipal chegue ata o punto de poñer en risco a saúde dos nenos e nenas do CEIP e da veciñanza”. “Estamos ante un executivo totalmente superado, incapaz incluso de garantir unhas mínimas condicións de seguridade e limpeza nun espazo tan sensible como un centro escolar”, afirmou.

As e os socialistas sinalan que a comunidade educativa leva tempo reclamando actuacións de limpeza e mantemento, advertindo do estado de abandono da zona, sen obter resposta algunha por parte do alcalde e do seu goberno. “A comunidade escolar foi ignorada e ninguneada sistematicamente por un concello máis preocupado por esconder os problemas que por resolvelos”, denuncia Peleteiro Vázquez.

A formación socialista lembra que a falta de actuación municipal provocou que a infestación afectase a varios nenos e nenas e chegase a estenderse polo edificio escolar, obrigando ao propio centro educativo a solicitar servizos de control de pragas, limpeza e medidas sanitarias ante a pasividade absoluta do concello.

“É extremadamente grave que tivese que ser o propio colexio quen asumise responsabilidades que lle corresponden ao concello mentres o goberno municipal miraba para outro lado”, critica a voceira socialista, quen asegura que “a nula colaboración do executivo local evidencia un nivel de abandono institucional sen precedentes”.

O PSdeG-PSOE de Punxín considera que esta situación é a consecuencia directa “dun goberno esgotado, sen capacidade de xestión e completamente desconectado da realidade do municipio”. Ademais, denuncian que o abandono e a falta de limpeza son xa visibles en numerosos puntos da vila, incluídas as inmediacións do centro médico e outros espazos públicos.

“PP e CxG non poden seguir escudándose en escusas namentres os problemas se agravan e afectan directamente á saúde pública. Punxín merece un goberno serio, responsable e que traballe pola veciñanza en lugar de instalarse na propaganda e na inacción permanente”, conclúe Lorena Peleteiro Vázquez.