Deputación de Ourense INICIATIVAS

Denunciamos a exclusión total de Ourense dos proxectos industriais estratéxicos da Xunta

AS E OS SOCIALISTAS DENUNCIAN A EXCLUSIÓN TOTAL DE OURENSE DOS PROXECTOS INDUSTRIAIS ESTRATÉXICOS DA XUNTA E O SILENCIO CÓMPLICE DO PP PROVINCIAL

Das 16 proxectos industriais estratéxicos declarados pola Xunta de Galicia, ningún contempla actuacións en Ourense. «Para o PP, Ourense só é pulpo e empanada con diñeiro público», subliñou o voceiro socialista Álvaro Vila

O Grupo Provincial Socialista esixe á Xunta que incorpore criterios de equidade territorial nos proxectos industriais estratéxicos e que elabore un plan específico de captación de investimento para Ourense

Reclaman que o goberno da Deputación informe sobre as xestións realizadas perante a Xunta para atraer investimento á provincia, das que non deu conta ningunha vez ao longo deste mandato

Ourense, 21 de maio de 2026. As e os socialistas rexistraron na Deputación de Ourense unha moción para esixir equidade territorial nos Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE) da Xunta de Galicia e demandar medidas concretas de captación de investimento industrial para a provincia. O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, presentou a iniciativa acompañado por membros do seu grupo para denunciar que «Ourense é a única provincia galega completamente ausente dos 16 PIE declarados polo goberno autonómico», que mobilizarán máis de 2.200 millóns de euros en investimento e crearán máis de 4.300 postos de traballo.

A distribución territorial deses proxectos é, segundo denunciou Vila, «profundamente desequilibrada, xa que ningún dos expedientes abertos contempla actuacións en Ourense». O mesmo patrón reproduciuse na última acción de captación exterior: a viaxe do presidente Rueda a China o pasado mes de abril para atraer a Galicia a primeira planta europea de vehículos eléctricos do grupo SAIC Motors —marca MG, con capacidade de até 120.000 unidades ao ano— apunta, segundo medios especializados, cara a Ferrol. «Un novo proxecto que, de confirmarse, reproduciría a mesma lóxica de exclusión coa nosa provincia», salienta Vila.

Ademais, para o socialista «a exclusión resulta inxustificable á vista dos activos provinciais». Ourense alberga o maior polígono industrial de Galicia por superficie en San Cibrao das Viñas, é exportadora neta de electricidade polo seu potencial hídrico, conta con conexión ferroviaria de alta velocidade e fai fronteira co mercado portugués. A iso engádese o corredor mineralóxico Penouta-Forcarei, que concentra tantalio-niobio, litio, estaño e terras raras cun valor estimado de até 20.000 millóns de euros, segundo un estudo da USC presentado polo propio goberno autonómico en novembro de 2025.

O PP entre o pulpo e o silencio cómplice

«O PP de Ourense volve ao pasado: xuntanzas de maiores, empanada e pulpo con cartos públicos», dixo Vila. Para o socialista, «mentres a provincia sofre a exclusión dos grandes proxectos industriais do goberno autonómico, o PP na Deputación non deu conta de ningunha xestión perante a Xunta para reclamar un PIE para Ourense». Dos 16 PIE declarados, 15 van para as provincias atlánticas, un para Lugo (Altri) e ningún para Ourense. «O PP de Ourense mantén un silencio absoluto sobre a situación na que estamos», engadiu o secretario provincial do PSdeG-PSOE.

A moción reclama que o Pleno da Deputación traslade á Xunta o seu rexeitamento pola ausencia de Ourense nos PIE, que se incorporen criterios de equidade territorial nas novas declaracións e que se elabore un plan de captación de investimento industrial para a nosa provincia, con dotación orzamentaria e prospección activa do IGAPE. Ao tempo, os socialistas solicitan que o goberno provincial informe sobre todas as xestións realizadas perante a Consellería de Economía. «Ourense non pode seguir pagando o prezo dun modelo industrial que a exclúe sistematicamente, cun PP que sigue discriminando a unha veciñanza da que só lle interesan os seus votos», concluíu Vila.