SENADO SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS termalismo

Rafa Villarino defende un modelo termal viable e serio fronte as improvisacións do PP no Senado

O SENADOR DO PSDEG-PSOE DE OURENSE, RAFAEL RODRÍGUEZ VILLARINO, DEFENDE UN MODELO TERMAL “SERIO E VIABLE” FRONTE ÁS “IMPROVISACIÓNS” DO PP NO SENADO

Villarino advertiu na comisión de Sanidade do Senado de que a inclusión da balneoterapia na carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde “esixe planificación rigorosa, evidencia científica e respecto ao marco legal sanitario”

Subliñou ademais que o propio Partido Popular “coñece esta situación desde hai máis dunha década, xa que unha iniciativa semellante foi rexeitada en 2013 durante os gobernos de Mariano Rajoy en España e Alberto Núñez Feijóo en Galicia”

Villarino tamén lamentou que o Partido Popular “recurra unha vez máis a Ourense como símbolo termal mentres continúa sen resolver os problemas reais do termalismo da cidade”

Ourense, 26 de maio de 2026. O senador socialista por Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, advertiu na comisión de Sanidade do Senado de que a inclusión da balneoterapia na carteira común de servizos do Sistema Nacional de Saúde “esixe planificación rigorosa, evidencia científica e respecto ao marco legal sanitario”, fronte á “proposta improvisada” presentada polo Partido Popular.

Durante o debate da moción impulsada polos populares, o representante do PSdeG-PSOE de Ourense lembrou que a balneoterapia está actualmente excluída da carteira común do SNS conforme ao Real Decreto 1030/2006 e que calquera incorporación require informes técnicos, memoria económica e aval científico, tal e como establece a Lei de Cohesión e Calidade do Sistema Nacional de Saúde.

Villarino subliñou ademais que o propio Partido Popular “coñece esta situación desde hai máis dunha década, xa que unha iniciativa semellante foi rexeitada en 2013 durante os gobernos de Mariano Rajoy en España e Alberto Núñez Feijóo en Galicia”. Naquela ocasión, o Ministerio de Sanidade concluíu que non existían estudos científicos suficientes que acreditasen os beneficios terapéuticos da balneoterapia para incorporala ao sistema público sanitario.

O senador socialista incidiu en que esa realidade “non cambiou substancialmente”, debido ás limitacións existentes na evidencia científica dispoñible, así como ás dificultades de estandarización dos tratamentos e á necesidade de acreditar centros especializados e concertar servizos cun sector maioritariamente privado.

Na súa intervención, Villarino tamén lamentou que o Partido Popular “recurra unha vez máis a Ourense como símbolo termal mentres continúa sen resolver os problemas reais do termalismo da cidade”. Neste sentido, lembrou o peche da piscina pública de As Burgas, o incendio do edificio dos Baños de Outeiro ou os conflitos arredor das pozas termais do Miño e da regulación autonómica do seu uso.

Así mesmo, criticou antigos proxectos impulsados por gobernos populares que “poñían en risco o patrimonio termal ourensán”, como o frustrado balneario de luxo nas Burgas ou a proposta de privatización do edificio histórico da Deputación para convertelo nun hotel balneario.

Fronte a esas “ocorrencias e foigos de artificio”, o senador socialista reivindicou “un modelo termal serio, viable e con futuro para Ourense e para España, baseado na planificación, no investimento e na coordinación institucional”.

Finalmente, Villarino explicou que o Grupo Socialista optou pola abstención “por respecto, defensa e proxección de futuro do termalismo”, aínda que reclamou ao Partido Popular “iniciativas rigorosas, fundamentadas cientificamente e axustadas aos procedementos legais e económicos establecidos”.