Natalia González afrima que as socialistas teñen proxecto e equipo para gobernar e proponse como alternativa a Jácome
A voceira do PSdeG no Concello de Ourense defendeu que toca buscar diferentes opcións dende a responsabilidade que cada formación poítica ten e incidíu en que “o tempo pasa e canto máis se afiance esta maioría sostida por determinados partidos peor vai a ser para a cidade”
“Nós aspiramos a gobernar e imos con todo”, afirmou ante os medios de comunicación a tamén secretaria xeral do partido
En Ourense, a 26 de maio de 2026. A voceira do grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense e secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González, explicou esta mañá ante os medios de comunicación que non se poden poñer liñas vermellas cando se abre un espazo de diálogo imprescindible para sacar a cidade do letargo que padece hai 7 anos. “Temos, durante o próximo mes, unha porta aberta para que exista unha alternativa distinta a Gonzalo Pérez Jácome. E quero lembrar que quen abríu esa porta, como xa aconteceu neste mesmo mandato con anterioridade, foi o PSOE. Porque aparte de actuar con coherencia, temos valentía, dignidade e autonomía política”, comezou relatando.
A socialista recordou que hai tres xeitos de rematar co goberno de Democracia Orensana: nas urnas dentro dun ano, a través da Xustiza e a vía da moción de censura. “A nosa posición é de sobra coñecida. Nós nunca apoiamos a Jácome e cremos que a Xustiza está para facer xustiza, non política. Nós tampouco apoiamos nunca orzamentos deste alcalde e somos o único grupo do Concello de Ourense que puxo propostas serias sobre a mesa cun programa político porque hai outra forma distinta de gobernar primando o interese xeral”, incidíu ás portas da Casa Consistorial.
Nesta liña, engadiu que as edís do PSdeG teñen “equipo e programa” e que non resulta lóxico que quen levou ata o bastón de mando a Jácome sexa o que pon liñas vermellas antes de sentarse a falar sobre o futuro da cidade. “Cando se abre un diálogo e unha negociación non se pode comezar con imposicións. E temos serias dúbidas de que o grupo do PP teña os seus propios 7 votos para erixirse como alternativa a Gonzalo Pérez Jácome”, apuntou a portavoz socialista.
Preguntada polos medios de comunicación sobre a disposición do BNG para apoiar unha candidata do PSdeG á Alcaldía, Natalia González expuxo que único goberno “decente, competente e responsable” que tivo a cidade foi sustentado por un bipartito de forzas de esquerda. E puntualizou que hai ano e medio, cando o grupo municipal socialista propuxo unha moción de censura, o Bloque Nacionalista Galego xa expresou que apoiaría únicamente a unha candidatura do PSdeG. “A aritmética é bastante clara. O PP dixo onte que eles son 7, pero o PSOE e o BNG suman 10. Non temos dúbidas do que toca facer pola cidade”, subliñou.
“Nós non poñemos liñas vermellas nada máis saír ao campo de xogo. O PP debería ter pensado o que dixo onte porque estamos a un ano das eleccións e o cerco xudicial ronda a Jácome e o sosteñen como alcalde aínda agora que xa non o precisan na Deputación. Iso terán que llo explicar aos seus votantes”, continuou argumentando.
E rematou destacando que agora toca buscar diferentes opcións dende a responsabilidade que cada formación poítica ten. “Non debemos consentir que a verdade se tape con titulares ou intereses alleos porque o tempo pasa e canto máis se afiance esta maioría sostida por determinados partidos peor vai a ser para a cidade. Nós aspiramos a gobernar e imos con todo”, finalizou contundente propoñéndose como alcaldesa.

