O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS LEVA O PLENO UNHA INICIATIVA PARA REFORZAR O APOIO AO COMERCIO LOCAL E Á HOSTALARÍA DO MUNICIPIO, NUN CONTEXTO MARCADO POLO PECHE DE DIVERSOS ESTABLECEMENTOS
A iniciativa socialista pon o foco na necesidade de que o concello actúe como “motor de apoio, promoción e acompañamento do tecido económico local, apostando por medidas útiles e realistas que contribúan a fortalecer o comercio de proximidade e a actividade hostaleira”
Marga Pérez sinala que “o pequeno comercio e a hostalaría son moito máis ca actividade económica; son vida para as nosas rúas, crean emprego, favorecen a convivencia e axudan a construír comunidade”
“Cremos nun concello que acompañe aos seus comerciantes, que escoite ás persoas autónomas e que aposte por políticas activas para manter vivo o noso tecido económico e social”, conclúe
Barbadás, 27 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás defenderá no pleno municipal do vindeiro luns 1 de xuño unha moción para reforzar o apoio ao comercio local e á hostalaría do municipio, nun contexto marcado polo peche de diversos establecementos nos últimos meses e polas dificultades que atravesan autónomos e pequenos negocios.
A iniciativa socialista pon o foco na necesidade de que o concello actúe como “motor de apoio, promoción e acompañamento do tecido económico local, apostando por medidas útiles e realistas que contribúan a fortalecer o comercio de proximidade e a actividade hostaleira”.
Desde o Grupo Municipal Socialista destacan que esta moción responde á súa maneira de entender a política municipal: “sempre desde unha posición construtiva, con propostas en positivo e pensando no beneficio do municipio, da veciñanza e tamén dos nosos comerciantes e autónomos”.
A concelleira do PSdeG-PSOE en Barbadás, Marga Pérez Fernández, sinala que “o pequeno comercio e a hostalaría son moito máis ca actividade económica; son vida para as nosas rúas, crean emprego, favorecen a convivencia e axudan a construír comunidade”. Ademais, engade que “cada negocio que pecha supón unha perda para todo Barbadás, polo que as administracións non poden permanecer alleas á realidade que están vivindo moitas familias e profesionais”.
Entre as medidas recollidas na moción inclúense a creación dunha mesa de traballo permanente co sector, a realización dun estudo sobre as necesidades do comercio local, campañas institucionais de sensibilización para fomentar o consumo de proximidade, programas municipais de fidelización comercial, así como o impulso de axudas para modernización e dixitalización dos pequenos negocios.
A proposta tamén aposta pola organización de actividades comerciais e gastronómicas que contribúan a dinamizar a economía local e pola colaboración con outras administracións para reforzar as liñas de apoio ao sector.
Marga Pérez subliña que “o PSOE de Barbadás seguirá levando ao pleno iniciativas útiles e responsables, afastadas da confrontación e centradas en mellorar a vida da veciñanza”. “Cremos nun concello que acompañe aos seus comerciantes, que escoite ás persoas autónomas e que aposte por políticas activas para manter vivo o noso tecido económico e social”, conclúe.

