AS E OS SOCIALISTAS PREGUNTAN POLO INCUMPRIMENTO DOS ACORDOS NA DEPUTACIÓN SOBRE OS CUSTOS DAS PROBAS DE ACCESO Á UNIVERSIDADE NO CONCELLO DA RÚA
A deputada da comarca de Valdeorras Sherezade Núñez Rodríguez esixe saber se houbo actuación diante da CIUG para retirar uns gastos que o propio pleno da Deputación cualificou hai un ano de «inxustificados e discriminatorios».
O Concello da Rúa e municipios limítrofes afrontan as probas da PAU os días 2, 3 e 4 de xuño, sen que a Corporación Provincial dese ningún paso coñecido en cumprimento dos acordos adoptados por unanimidade en maio de 2025.
Os socialistas denuncian que o PP goberna sen dar conta dos compromisos institucionais adoptados polo pleno da Deputación e sen mediar entre os concellos afectados e a administración autonómica.
Ourense, 27 de maio de 2026. O Grupo Provincial Socialista vén de rexistrar unha pregunta para resposta oral no pleno do vindeiro venres co obxecto de coñecer as actuacións realizadas pola Deputación de Ourense en cumprimento dos acordos adoptados por unanimidade en maio de 2025 en relación cos gastos da Proba de Acceso á Universidade (PAU) no Concello da Rúa. Formulada pola deputada Sherezade Núñez Rodríguez, a demanda chega coa celebración das probas da convocatoria ordinaria 2026 prevista para os días 2, 3 e 4 de xuño, cando todo indica que os concellos afectados do Oriente ourensán volverán a soportar as mesmas cargas económicas que motivaron a iniciativa socialista fai un ano.
Aquela moción, aprobada coa totalidade dos votos presentes, comprometeu á institución provincial a requirir á Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) a retirada dos gastos incluídos nos convenios asinados cos concellos, a actuar como mediadora entre os municipios afectados e a Xunta de Galicia para garantir a continuidade das sedes de exame sen sobrecarga económica, e a manifestar o apoio institucional da Deputación aos concellos do Oriente ourensán. “Ningún destes compromisos conta, a día de hoxe, con actuacións coñecidas e verificables por parte do equipo de goberno que preside Luís Menor”, explica Núñez.
O problema que motivou a moción segue en pé. O Concello da Rúa e os municipios limítrofes deben asumir cada ano importes que superan os 21.000 euros repartidos de maneira alícuota para sufragar os custos da celebración das PAU no IES Cosme López, incluíndo un concepto de «gastos de xestión, coordinación e materiais» que por definición non se pode xustificar de forma individualizada. Mentres tanto, o resto de territorios de Galicia non asume ningunha carga directa deste tipo, o que supón un trato discriminatorio para os concellos rurais que acollen as probas e un agravio difícil de xustificar ante uns orzamentos municipais xa de por si moi limitados.
Un ano de silencio institucional
«Resulta inadmisible que a Deputación vote por unanimidade uns acordos en pleno e despois non dea ningún paso para cumprilos. Iso non é goberno, é teatro institucional sobre o lombodos concellos máis pequenos e con menos recursos», declarou Sherezade Núñez. A deputada socialista e tenente de alcalde de Vilamartín de Valdeorras lembrou que os acordos plenarios, aínda que non sexan xuridicamente vinculantes da mesma forma que un regulamento, si constitúen un mandato político e moral para o equipo de goberno, e que ignoralos implica un desprezo cara á vontade da corporación provincial expresada democraticamente.
Os socialistas consideran que este caso ilustra un patrón de funcionamento do PP na Deputación: apoiar mocións na cámara para evitar o desgaste político do voto en contra, e ignoralas sistematicamente unha vez aprobadas. Neste sentido, Núñez Rodríguez anunciou que o seu grupo fará un seguimento rigoroso do cumprimento de todos os acordos plenarios adoptados durante o mandato. «Non imos consentir que a Deputación funcione como un escaparate de boas intencións mentres os concellos rurais seguen solos ante problemas que esta institución ten a obriga e a capacidade de abordar», subliñou a deputada.

