O PSDEG-PSOE DENUNCIA NO CONSELLO DE CONTAS A “OPACIDADE, IRREGULARIDADES E USO POLÍTICO” DA MANCOMUNIDADE DO RIBEIRO E UNHA XESTIÓN “ESCURA, ARBITRARIA E AFASTADA DO INTERESE XERAL”
O documento remitido ao órgano fiscalizador recolle unha batería de presuntas irregularidades económicas, administrativas e de funcionamento interno da Mancomunidade do Ribeiro, incidindo especialmente na vulneración reiterada dos principios de transparencia, control e boa xestión dos recursos públicos
Denuncian que a Mancomunidade “leva anos convertida nun instrumento ao servizo de intereses persoais e políticos do PP, afastándose completamente do obxectivo para a que foi creada, que non son outros que prestar mellores servizos e abaratar custos aos concellos e á veciñanza”
“Estamos diante dun modelo de xestión absolutamente esgotado, sustentado na falta de transparencia e no abuso político dunha institución pública”, advertiron as e os representantes socialistas, que esixen explicacións inmediatas ao presidente da Mancomunidade, Francisco José Fernández
Ourense, 26 de maio de 2026. O PSdeG-PSOE na Mancomunidade do Ribeiro vén de presentar un novo informe diante do Consello de Contas de Galicia no que denuncia unha xestión “escura, arbitraria e afastada do interese xeral” por parte do goberno da entidade supramunicipal, presidida por Francisco José Fernández, alcalde de Leiro e senador do PP.
Na presentación pública do informe participaron o secretario xeral da agrupación do PSdeG-PSOE de Cenlle, José Rodríguez Veloso; o secretario de organización do PSdeG-PSOE de Ourense, Antonio González Fiuza; e a deputada socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; que se desprazaron ata Santiago para presentar o informe na propia sede do Consello de Contas.

O documento remitido ao órgano fiscalizador recolle unha batería de presuntas irregularidades económicas, administrativas e de funcionamento interno da Mancomunidade do Ribeiro, incidindo especialmente na vulneración reiterada dos principios de transparencia, control e boa xestión dos recursos públicos.
Desde o PSdeG-PSOE denuncian que a Mancomunidade “leva anos convertida nun instrumento ao servizo de intereses persoais e políticos do PP, afastándose completamente do obxectivo para a que foi creada, que non son outros que prestar mellores servizos e abaratar custos aos concellos e á veciñanza”.
O informe alerta de prácticas que consideran “especialmente graves”, como a falta de fiscalización interna e externa, o reparto discrecional de custos e ingresos entre concellos, a utilización de determinadas partidas como “vasos comunicantes” para consolidar gastos de persoal, así como unha política sistemática de opacidade para impedir o control das contas públicas.
Os socialistas sinalan tamén que esta situación está provocando “unha asfixia económica e financeira dos concellos”, obrigando ás administracións locais a transferir recursos á Mancomunidade mentres se desatenden as necesidades reais da cidadanía.
“Estamos diante dun modelo de xestión absolutamente esgotado, sustentado na falta de transparencia e no abuso político dunha institución pública”, advertiron as e os representantes socialistas, que esixen explicacións inmediatas ao presidente da Mancomunidade, Francisco José Fernández.
Desde o PSdeG-PSOE consideran “inadmisible” que unha entidade financiada maioritariamente con fondos públicos continúe funcionando “sen control efectivo, sen transparencia e ignorando reiteradamente as funcións de fiscalización dos secretarios e interventores municipais”.
As e os socialistas anuncian ademais que continuarán levando ao Consello de Contas toda a documentación e información que consideren relevante para esclarecer a situación da Mancomunidade do Ribeiro e depurar responsabilidades políticas e administrativas. “O Ribeiro merece unha institución útil, transparente e ao servizo da veciñanza, non unha ferramenta utilizada para manter redes de poder político do PP”, concluíron.

