O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN ACUSA AO TENENTE DE ALCALDE DE FUXIR DO CONTROL DEMOCRÁTICO MENTRES ANUNCIA “PROXECTOS FANTASMAS” NA PRENSA
“Resulta difícil non pensar que estamos ante unha estratexia deliberada para escapar das preguntas incómodas e evitar dar conta dunha longa lista de anuncios que, a día de hoxe, seguen sen materializarse e sen chegar aos órganos municipais correspondentes”, sinala Lorena Peleteiro
“O tenente de alcalde parece sentirse máis cómodo diante dun micrófono que diante dos representantes da corporación municipal. Anuncia proxectos na prensa, pero desaparece cando chega o momento de responder preguntas e dar explicacións”, afirma a voceira socialista
Punxín, 1 de xuño de 2026. O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia a ausencia “reiterada” do tenente de alcalde dos plenos ordinarios municipais, unha actitude que as e os socialistas consideran “unha falta de respecto á institución, á oposición e á veciñanza” e que impide exercer con normalidade a labor de control e fiscalización da acción de goberno.
Desde o Grupo Municipal Socialista critican que o tenente de alcalde, Eladio Fernández, manteña unha intensa actividade mediática anunciando proxectos e iniciativas para o municipio mentres evita comparecer nos plenos para dar explicacións sobre o contido, a situación real ou a viabilidade desas actuacións.
“Resulta difícil non pensar que estamos ante unha estratexia deliberada para escapar das preguntas incómodas e evitar dar conta dunha longa lista de anuncios que, a día de hoxe, seguen sen materializarse e sen chegar aos órganos municipais correspondentes”, sinala a voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez.
O PSdeG lembra que moitos dos proxectos presentados publicamente polo tenente de alcalde continúan sen pasar polo pleno municipal nin ser explicados aos grupos da oposición, que descoñecen cuestións básicas como o seu estado de tramitación, os informes existentes, o financiamento previsto ou os prazos reais de execución. Para as e os socialistas, esta forma de actuar evidencia unha preocupante falta de transparencia e unha concepción da política baseada máis na propaganda e nos titulares que na rendición de contas e na xestión responsable.
“O tenente de alcalde parece sentirse máis cómodo diante dun micrófono que diante dos representantes da corporación municipal. Anuncia proxectos na prensa, pero desaparece cando chega o momento de responder preguntas e dar explicacións”, afirma a voceira socialista.
Desde o PSdeG advirten de que os veciños e veciñas de Punxín merecen algo máis que promesas e fotografías. “Merecen saber que hai detrás de cada anuncio e por que tantos deses proxectos continúan sendo simples titulares sen tradución na realidade municipal”, engade Peleteiro.
Por todo iso, o Grupo Socialista esixe ao tenente de alcalde que abandone esta actitude, asuma as súas responsabilidades institucionais e acuda aos plenos ordinarios para responder sobre a súa xestión e sobre os numerosos proxectos que leva meses vendendo publicamente sen que, polo momento, exista constancia do seu avance real.
Para o PSdeG, a democracia municipal non pode funcionar a golpe de nota de prensa. A transparencia e a rendición de contas esixen dar a cara onde corresponde: no pleno do Concello.

