Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PP vota en contra de acabar coa exclusión industrial de Ourense e defender a sanidade pública no rural

O PP BLOQUEA NO PLENO DA DEPUTACIÓN AS PROPOSTAS SOCIALISTAS PARA ACABAR COA EXCLUSIÓN INDUSTRIAL DE OURENSE E DEFENDER A SANIDADE PÚBLICA NO RURAL

Os conservadores votan en contra da moción sobre Proxectos Industriais Estratéxicos, negándose a recoñecer que Ourense é a única provincia ausente dos 16 PIE declarados pola Xunta, que mobilizarán 2.200 millóns de euros e crearán 4.300 empregos.

Álvaro Vila denuncia que o PP mantén silencio absoluto sobre a exclusión sistemática da provincia dos grandes deseños do goberno autonómico do PP, limitándose a súa política en Ourense a organizar con cartos públicos xuntanzas con empanada e pulpo.

Co apoio de todos os grupos de oposición, os socialistas sacan adiante unha moción para a defensa dos hospitais comarcais e a recuperación dos servizos sanitarios suprimidos na provincia, que o PP rexeitou defendendo que “todo funciona ben”.

Ourense, 29 de maio de 2026. O Grupo Provincial Socialista levou ao Pleno da Deputación de Ourense dúas mocións para a defensa dos intereses da provincia: a primeira, para esixir equidade territorial nos Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE) da Xunta de Galicia; e a segunda, para reclamar a recuperación dos servizos sanitarios eliminados nos hospitais comarcais e implementar un plan de reforzo da sanidade pública no rural ourensán. A primeira foi rexeitada co voto negativo do PP e a abstención do BNG.Malia o bloqueo dos conservadores, a segunda saíu adiante co respaldo de todos os grupos da oposición.

O voceiro socialista na Deputación e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, denunciou que «Ourense é a única provincia galega completamente ausente dos 16 proxectos industriais estratéxicos declarados polo goberno autonómico», que mobilizarán máis de 2.200 millóns de euros en investimento e xerarán máis de 4.300 postos de traballo. Dos 16 PIE declarados até o día de hoxe, 15 van para as provincias atlánticas, un para Lugo —o proxecto Altri— e ningún para Ourense.

A iniciativa reclamaba que a corporación provincial trasladase ao goberno de Rueda o seu rexeitamento pola ausencia da provincia, que se incorporasen criterios de equidade territorial nas novas declaracións e que se elaborase un plan de captación de investimento industrial dotado orzamentariamente, con prospección activa do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). Ao tempo, esixíase que a Deputación informase sobre todas as xestións realizadas perante a Consellería de Economía ao longo deste mandato. O PP votou en contra.

Para Vila, o voto negativo evidencia que o PP «prefire protexer ao goberno autonómico do seu propio partido antes que defender os intereses da provincia». O voceiro socialista subliñou que a exclusión de Ourense é «inxustificable á vista dos activos provinciais»: o maior polígono industrial de Galicia en San Cibrao das Viñas, exportación neta de electricidade, conexión de alta velocidade, fronteira co mercado portugués ou o corredor mineralóxico Penouta-Forcarei. «O PP opta por volver ao pasado: xuntanzas de maiores, empanada e pulpo con cartos públicos, mentres a provincia queda fóra dos grandes proxectos de futuro», concluíu Vila.

Defensa dos hospitais comarcais e da sanidade pública no rural

A deputada Eva Pérez Gamote avogou pola recuperación dos servizos sanitarios eliminados e o reforzo dos hospitais comarcais, tomando o Hospital Público de Verín como expresión concreta dunha tendencia de deterioro que afecta tamén ao Hospital Público de Valdeorras. A iniciativa denuncia que a Hospitalización a Domicilio (HADO) leva interrompida desde marzo de 2020, que a Unidade da Dor foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e que a praza de cardioloxía permanece vacante desde finais de 2024, provocando demoras superiores a catro meses nas primeiras consultas e de máis dun ano para revisións.

Os datos do Consello de Contas constatan que o 35% das cirurxías de traumatoloxía e o 62% dos tratamentos de hemodiálise na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco se atenden en centros privados. O informe da Conta Xeral do SERGAS do exercicio 2024 engade que case o 50% do persoal sanitario ten vinculación temporal e que as interinidades medraron un 13% nun só ano. Para Pérez Gamote, «son datos que non describen un problema conxuntural, senón un modelo de xestión que renunciou á estabilidade asistencial nos hospitais comarcais».

O PP votou en contra da iniciativa, argumentando que a sanidade pública en Galicia “funciona ben”, nunha posición que contradí de xeito flagrante a experiencia cotiá de miles de ourensáns que padecen listas de espera, prazas vacantes e servizos suprimidos. «A Deputación de Ourense non xestiona hospitais, mais ten a obriga política e ética de se posicionar con claridade na defensa dunha sanidade pública digna para toda a provincia», afirmou a deputada.

Os socialistas reclamaron que a corporación inste á Xunta e ao SERGAS a cubrir de forma inmediata e estable as vacantes de especialistas, a recuperar o HADO e a Unidade da Dor en Verín, a reducir as listas de espera e a reforzar a atención presencial fronte á extensión xeneralizada das E-consultas. «Cando reclamamos acceso á saúde non estamos a falar dunha competencia administrativa, senón de persoas, de xustiza territorial e do dereito das mulleres e homes desta provincia a vivir con dignidade», concluíu Pérez Gamote.