Natalia González reclama que as rúas, prazas e instalacións municipais “non poden estar sometidas ao criterio político de quen goberna en cada momento”
As socialistas defenderán na sesión plenaria ordinaria de xuño unha moción para garantir o uso democrático e transparente dos espazos públicos
En Ourense, a 29 de maio de 2026. O grupo municipal socialista de Ourense levará ao vindeiro pleno ordinario de xuño unha moción para defender o espazo público como lugar de convivencia, participación e liberdade, coa que busca garantir que a utilización de rúas, prazas e instalacións municipais se rexan por criterios obxectivos, transparentes e non discriminatorios.
A iniciativa xorde tras as reiteradas denegacións por parte do Goberno municipal de autorizacións para a celebración de actividades promovidas por colectivos sociais, culturais, veciñais, medios de comunicación, entidades xuvenís e asociacións da cidade, amparándose nunha interpretación xenérica da suposta falta de “interese público”.
A portavoz municipal socialista, Natalia González, advertiu de que “o espazo público é de toda a cidadanía e non pode converterse nun ámbito condicionado pola afinidade política, ideolóxica ou persoal co alcalde ou co Executivo municipal de quenda”.
“A democracia constrúese tamén nas rúas, nas prazas e nos espazos compartidos. Limitar o acceso a estes lugares mediante argumentos ambiguos ou discrecionais supón unha preocupante restrición da participación cidadá e da pluralidade que debe caracterizar unha cidade aberta e democrática”, sinalou.
A moción do PSdeG de Ourense recolle a necesidade de elaborar unha regulación específica que estableza criterios claros para a autorización de actividades en espazos públicos municipais, co obxectivo de ofrecer seguridade xurídica, igualdade de trato e transparencia nos procedementos administrativos.
Para Natalia González, “o interese público non pode depender exclusivamente da interpretación política do alcalde e a cultura, o debate público, a actividade social, a solidariedade ou a convivencia entre sensibilidades distintas forman parte, precisamente, dese interese xeral que as institucións teñen a obriga de protexer”.
Entre os acordos propostos, o PSOE solicita que as resolucións denegatorias estean suficientemente motivadas, detallando de forma concreta as razóns técnicas, de seguridade, dispoñibilidade ou legalidade que xustifiquen unha negativa, evitando fórmulas xenéricas que poidan dar lugar á arbitrariedade.
Ademais, a iniciativa reclama o recoñecemento expreso do valor democrático, social, cultural e participativo das actividades promovidas pola sociedade civil organizada, os medios de comunicación, as entidades xuvenís, culturais e veciñais e os diferentes colectivos sociais da cidade.
“Ouense non pertence a quen goberna temporalmente. A cidade pertence á súa xente. E os espazos públicos deben seguir sendo lugares de encontro, expresión, participación e liberdade para todas e todos”, concluíu a portavoz socialista.



