concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás propón un plan de mellora de rúas e viais

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS PROPÓN UN PLAN DE MELLORA DE RÚAS E VIAIS PARA “COSER O TERRITORIO E GAÑAR EN ACCESIBILIDADE”

A iniciativa recolle ata doce actuacións concretas repartidas por diferentes parroquias e lugares de Barbadás, atendendo ás demandas trasladadas pola veciñanza e ás necesidades detectadas polo grupo socialista en materia de conservación, seguridade viaria, humanización e embelecemento urbano

Victoria Morenza destaca que “esta moción nace dunha escoita activa á veciñanza e dunha maneira de entender a política municipal baseada en propoñer solucións útiles e realistas para mellorar o día a día das persoas”

“Falamos de intervencións asumibles, necesarias e perfectamente compatibles coa utilización de fondos doutras administracións, especialmente dos recursos do Plan CooperOU”, explica a portavoz socialista, quen subliña que “o noso grupo exerce unha oposición útil, facendo achegas construtivas e presentando propostas concretas para mellorar Barbadás”

Barbadás, 29 de maio de 2026. O Grupo Municipal Socialista de Barbadás levará ao pleno ordinario do vindeiro luns 1 de xuño unha ampla moción para impulsar actuacións de mellora en diferentes rúas, camiños e viais do termo municipal co obxectivo de incrementar a mobilidade, reforzar a accesibilidade e avanzar no reequilibrio territorial entre os distintos núcleos de poboación do concello.

A iniciativa recolle ata doce actuacións concretas repartidas por diferentes parroquias e lugares de Barbadás, atendendo ás demandas trasladadas pola veciñanza e ás necesidades detectadas polo grupo socialista en materia de conservación, seguridade viaria, humanización e embelecemento urbano.

A voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, destaca que “esta moción nace dunha escoita activa á veciñanza e dunha maneira de entender a política municipal baseada en propoñer solucións útiles e realistas para mellorar o día a día das persoas”.

Morenza sinala ademais que “o mantemento e a modernización progresiva dos espazos públicos non pode depender da improvisación, senón que debe responder a criterios de planificación, cohesión territorial e igualdade entre os diferentes núcleos do municipio”.

Entre as actuacións incluídas na moción figuran melloras de firmes e pavimentacións en lugares como Loiro, Bentraces, Sobrado, Pontón, Parada, Piñor, Santa Uxía, As Lamas ou Finca Fierro, así como a reforma integral do vial que comunica A Valenzá coa N-540 desde a zona do campo de fútbol dos Carrís.

O PSdeG-PSOE tamén pon o foco na necesidade de compatibilizar as actuacións urbanísticas coa protección patrimonial en determinados enclaves históricos, apostando por solucións como o formigón desactivado, pavimentos integrados e fórmulas de humanización adaptadas á contorna.

A iniciativa inclúe igualmente actuacións vinculadas á mellora da calidade urbana e dos espazos de convivencia, como a renovación do parque infantil de Pontón e a humanización da contorna da fonte do pobo.

“Falamos de intervencións asumibles, necesarias e perfectamente compatibles coa utilización de fondos doutras administracións, especialmente dos recursos do Plan CooperOU”, explica a portavoz socialista, quen subliña que “o noso grupo exerce unha oposición útil, facendo achegas construtivas e presentando propostas concretas para mellorar Barbadás”.

Desde o PSdeG-PSOE remarcan que a moción pretende abrir unha folla de ruta de actuacións progresivas que permitan avanzar nun concello “máis accesible, máis cohesionado e con mellores servizos públicos para toda a veciñanza, viva onde viva”.