“Hai financiamento estatal e europeo ao que se pode acceder, pero require vontade política e capacidade de xestión”, destacou a voceira do PSdeG no Concello, Natalia González, acompañada da edil Alba Iglesias
En Ourense, a 2 de maio de 2026. As edís do grupo municipal socialista do Concello de Ourense veñen de presentar unha moción para o vindeiro pleno ordinario de xuño cuxo obxectivo reside en impulsar a rehabilitación, recuperación e posta en valor da antiga Casa de Baños, tralo grave incendio rexistrado na madrugada do pasado 15 de maio.
As socialistas consideran que o suceso puxo de manifesto “o abandono prolongado dun dos símbolos máis relevantes do patrimonio termal da cidade”, que sufriu importantes danos estruturais e xerou unha forte preocupación social, tal e como expresou ante os medios de comunicación esta mañá a portavoz, Natalia González.
Así as cousas, incidíu en que “non estamos ante un edificio calquera, senón ante unha peza clave da identidade de Ourense, ligada á súa historia termal e ao seu desenvolvemento económico e social” e lembrou que o inmoble levaba anos nun estado de deterioro avanzado, rodeado de maleza e lixo, e mesmo fora ocupado por persoas en risco de exclusión e toxicómanas, o que incrementaba o risco de ruína.
Para o PSOE, esta situación evidencia unha falta de actuación continuada por parte do goberno local posto que hai xa un lustro defenderon unha iniciativa similar e nada se fixo por mudar a situación. “Levamos anos advertindo do abandono progresivo e do risco de perda irreversible deste espazo histórico. Lamentablemente, o que advertiamos rematou converténdose nunha realidade tráxica”, sinalou a voceira e secretaria xeral do partido na cidade.
A iniciativa rexistrada reclama a posta en marcha dun plan específico de protección e recuperación do patrimonio termal da cidade, con especial atención á Casa de Baños, e insta ao executivo municipal a actuar con urxencia. “Hai financiamento estatal e europeo ao que se pode acceder, pero require vontade política e capacidade de xestión”, destacou.
Neste senso, as socialistas subliñaron a existencia de liñas de axuda como as destinadas á rehabilitación do patrimonio histórico e turístico, e criticaron que o Concello non estea aproveitando estes recursos mentres Ourense queda “sepultada entre cascallos”.
Ademais, o PSdeG considera que o incendio debe marcar “un antes e un despois” na política de conservación patrimonial da cidade. “É o momento de asumir responsabilidades e abrir unha reflexión seria sobre o abandono do noso patrimonio máis prezado, que é o termalismo”, rematou contundente Natalia González.
Por iso, entre os acordos propostos, inclúese instar ao goberno de DO a impulsar, en tempo e forma, un plan de rehabilitación da Casa de Baños concorrendo ás convocatorias de subvencións dispoñibles, así como promover e poñer en valor a historia deste inmoble como parte fundamental do ADN da cidade.
A esta moción súmase a xa presentada a semana pasada que reclamará que se garanta o uso democrático e transparente dos espazos públicos.

