O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS SACA ADIANTE AS SÚAS DÚAS MOCIÓNS NO PLENO MUNICIPAL, REAFIRMANDO O SEU COMPROMISO CUNHA OPOSICIÓN ÚTIL E PROPOSITIVA
A iniciativa sobre a mellora de rúas e viais foi aprobada por unanimidade, mentres que a proposta para reforzar o apoio ao comercio local e á hostalaría contou co respaldo de todos os grupos, agás a abstención do concelleiro do Partido Galego
Victoria Morenza sinalou que “o pleno de onte demostrou que o PSdeG-PSOE de Barbadás está a marcar a axenda política do municipio con propostas concretas, traballadas e pensadas para mellorar a vida da veciñanza
Marga Pérez destacou que “o PSOE volveu poñer enriba da mesa un tema fundamental para o futuro económico do concello e conseguiu sumar unha ampla maioría ao redor de medidas útiles e realistas”
O Grupo Municipal Socialista reafirma así o seu compromiso de seguir levando ao pleno iniciativas elaboradas desde a proximidade coa veciñanza, coa vontade de continuar marcando a axenda política municipal e contribuíndo á construción dun Barbadás máis accesible, máis dinámico e con mellores oportunidades para todos e todas
Barbadás, 2 de xuño de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás conseguiu sacar adiante no pleno ordinario celebrado onte as dúas mocións presentadas pola formación, situando no centro do debate cuestións fundamentais para o futuro do municipio e reafirmando o seu compromiso cunha oposición útil, rigorosa e centrada na presentación de propostas para mellorar a vida da veciñanza. As dúas iniciativas defendidas polo Grupo Municipa Socialista obtiveron un amplo respaldo da corporación municipal, evidenciando a capacidade do das concelleiras socialistas para liderar o debate político local e construír consensos arredor de medidas concretas e beneficiosas para Barbadás.
A primeira das mocións, defendida pola portavoz socialista Victoria Morenza Doforno, foi aprobada por unanimidade. A proposta recolle un plan de mellora de rúas, camiños e viais distribuído por diferentes parroquias e núcleos do municipio, incorporando actuacións destinadas a reforzar a accesibilidade, mellorar a seguridade viaria, avanzar na humanización dos espazos públicos e contribuír á cohesión territorial do concello. Desde o Grupo Municipal Socialista destacan que a iniciativa naceu do contacto permanente coa veciñanza e da vontade de trasladar ao pleno solucións concretas para necesidades reais do municipio.
Victoria Morenza sinalou que “o pleno de onte demostrou que o PSdeG-PSOE de Barbadás está a marcar a axenda política do municipio con propostas concretas, traballadas e pensadas para mellorar a vida da veciñanza. Mentres outros grupos se instalan no debate permanente, nós seguimos levando ao pleno iniciativas útiles que acaban converténdose en acordos para Barbadás”.
A portavoz socialista engadiu que “a aprobación por unanimidade desta moción é unha mostra de que as necesidades reais dos veciños e veciñas están por enriba das siglas. O PSOE volveu demostrar que exerce unha oposición seria, rigorosa e capaz de construír consensos arredor de proxectos que benefician ao conxunto do municipio”.
Pola súa banda, a segunda moción socialista, defendida pola concelleira Marga Pérez Fernández, estaba centrada no reforzo do apoio municipal ao comercio local e á hostalaría, dous sectores estratéxicos para a economía e a vida social de Barbadás. A iniciativa foi aprobada co voto favorable da práctica totalidade da corporación, rexistrándose unicamente a abstención do concelleiro do Partido Galego. A proposta contempla medidas como a creación dunha mesa de traballo permanente co sector, campañas de promoción do consumo de proximidade, programas de fidelización comercial, actividades de dinamización económica e accións de apoio á modernización e dixitalización dos pequenos negocios.
Marga Pérez destacou que “o resultado desta votación confirma que fomos capaces de situar no centro do debate unha preocupación compartida por moitos comerciantes, hostaleiros e autónomos de Barbadás. O PSOE volveu poñer enriba da mesa un tema fundamental para o futuro económico do concello e conseguiu sumar unha ampla maioría ao redor de medidas útiles e realistas”.
A edil socialista subliñou ademais que “seguiremos traballando para que o pleno municipal sexa un espazo onde se debatan solucións e non escusas. O noso compromiso é seguir liderando iniciativas que impulsen a actividade económica, defendan aos pequenos negocios e contribúan a construír un Barbadás máis dinámico, máis forte e con máis oportunidades”.
Desde o PSdeG-PSOE consideran especialmente relevante que ambas propostas atopasen un respaldo tan amplo por parte da corporación municipal, xa que abordan dúas cuestións prioritarias para o presente e o futuro do concello: a mellora das infraestruturas e servizos públicos e o fortalecemento do tecido económico local.
As socialistas destacan que os resultados do pleno volven demostrar a utilidade dunha oposición que non se limita á crítica, senón que traballa para formular alternativas, abrir debates necesarios e impulsar acordos que repercutan positivamente na cidadanía. O Grupo Municipal Socialista reafirma así o seu compromiso de seguir levando ao pleno iniciativas elaboradas desde a proximidade coa veciñanza, coa vontade de continuar marcando a axenda política municipal e contribuíndo á construción dun Barbadás máis accesible, máis dinámico e con mellores oportunidades para todos e todas.
O PSdeG-PSOE reclama información sobre proxectos pendentes, actividades culturais e participación veciñal
As concelleiras socialistas aproveitaron tamén a sesión plenaria para formular diversas preguntas ao grupo de goberno sobre cuestións que afectan á xestión municipal e sobre as que a veciñanza leva tempo demandando información e avances.
Entre outros asuntos, o PSdeG-PSOE interesouse polo estado da retirada dos residuos perigosos detectados no municipio, así como pola situación na que se atopa a licitación dos servizos de cafetería e mantemento da zona verde do Parque dos Patos, preguntando ademais pola previsión existente para a apertura desta instalación.
Do mesmo xeito, as edís socialistas solicitaron información actualizada sobre a execución do proxecto de aseguramento do muro do Parque da Liberdade, unha actuación comprometida polo goberno municipal e sobre a que consideran necesario ofrecer explicacións claras á cidadanía.
Outro dos asuntos abordados foi a situación administrativa da anunciada habilitación dun cuartel da Garda Civil en Barbadás. Neste sentido, as representantes socialistas preguntaron expresamente polo estado da licenza municipal que, segundo diversas manifestacións públicas realizadas nos últimos meses, resultaba necesaria para avanzar no proxecto.
O Grupo Municipal Socialista tamén quixo coñecer se existe xa unha data prevista para a celebración da cuarta edición do Paso Literario Carmen Martín Gaite, unha iniciativa cultural consolidada no municipio cuxa organización depende, segundo informou o propio executivo local, da instalación dos elementos de sinalización do percorrido. As concelleiras preguntaron igualmente polo estado destes traballos e polos avances realizados nas últimas semanas.
Especial preocupación trasladaron as representantes socialistas respecto da programación de actividades de lecer e dinamización sociocultural impulsadas nos locais sociais do concello. Desde o PSdeG-PSOE advertiron da escasa visibilidade pública que recibiron este ano estas iniciativas, cuestionando a falta de promoción institucional a través dos canais municipais de comunicación.
As socialistas lembraron que este tipo de actividades resultan fundamentais para favorecer a participación veciñal, fortalecer a convivencia e dar vida aos locais sociais, polo que consideran imprescindible unha maior implicación do goberno municipal na súa difusión e promoción.
Neste contexto, trasladaron tamén o malestar expresado por directivas de diversas asociacións veciñais, que denuncian a falta de información e de comunicación fluída por parte do executivo local respecto da organización destas actividades.
De maneira especial, o Grupo Municipal Socialista mostrou a súa preocupación polo tratamento recibido pola Aula Municipal de Teatro. As concelleiras denunciaron a práctica inexistencia de difusión institucional das representacións realizadas polo alumnado dos grupos infantil, xuvenil e de persoas adultas, a pesar do traballo desenvolvido ao longo de todo o curso.
Segundo expuxeron durante o pleno, nin a páxina web municipal nin as redes sociais do Concello promocionaron adecuadamente unha actividade que mobiliza a numerosas familias e participantes. Desde o PSdeG-PSOE consideran que esta situación xerou un importante malestar entre o alumnado e as súas familias e preguntaron ao goberno municipal polos motivos desta falta de apoio e promoción.
As representantes socialistas interesáronse igualmente polo proceso de inscrición para o vindeiro curso, preguntando se as incidencias rexistradas e a escasa difusión das actividades responden a unha decisión política ou a unha deficiente planificación por parte do executivo local.
«A noso labor como oposición tamén consiste en preguntar, fiscalizar e reclamar información sobre aqueles asuntos que preocupan á veciñanza», sinalan desde o PSdeG-PSOE, que reiteran o seu compromiso de seguir exercendo unha oposición rigorosa, próxima e atenta ás demandas dos veciños e veciñas de Barbadás.

