O PSDEG-PSOE DE CENLLE CONDENA A POLITIZACIÓN DA XX FESTA DO VIÑO TRALA ELECCIÓN, POR PARTE DO GOBERNO MUNICIPAL, DUN DEPUTADO AUTONÓMICO DO PP COMO PREGOEIRO
As e os socialistas consideran que a decisión da alcaldesa supón unha utilización partidista dunha celebración que debe servir para promocionar o viño, a cultura e as tradicións do municipio
“A Festa do Viño debe ser un espazo de encontro para toda a veciñanza e un escaparate para o enorme traballo que realizan viticultores, adegueiros e persoas vinculadas ao sector, non unha plataforma de promoción política para o Partido Popular”, sinalan
José Rodríguez Veloso denuncia que “a Festa do Viño pertence á veciñanza de Cenlle e ao sector vitivinícola, non ao Partido Popular nin aos seus intereses políticos”
Cenlle, 5 de xuño de 2026. O PSdeG-PSOE de Cenlle pon de manifesto a súa máis firme crítica á decisión da alcaldesa de designar como pregoeiro da XX edición da Festa do Viño ao deputado autonómico do Partido Popular, Juan Casares. Unha elección que as e os socialistas consideran un “novo exemplo da crecente politización dunha celebración que debería estar por riba das siglas e dos intereses partidistas”.
Dende a agrupación socialistas de Cenlle lamentan que o goberno municipal “desaproveite unha ocasión única para recoñecer o traballo de persoas vinculadas ao mundo do viño, á cultural local, á historia do municipio, ou ao asociacionismo veciñal”. Asemade critican que o goberno municipal do PP “opte por situar no centro da festa a un cargo político en activo dos populares”.
O secretario local do PSdeG-PSOE de Cenlle, José Rodríguez Veloso, sinala que “a Festa do Viño debe ser un espazo de encontro para toda a veciñanza e un escaparate para o enorme traballo que realizan viticultores, adegueiros e persoas vinculadas ao sector, non unha plataforma de promoción política para o Partido Popular”.
Rodríguez Veloso considera que “a elección dun deputado autonómico do PP como pregoeiro rompe coa necesaria neutralidade institucional que debería presidir un evento destas características” e engade que “cando unha festa financiada con recursos públicos se utiliza para destacar figuras políticas dunha única formación, estase desvirtuando o seu verdadeiro significado”.
As e os socialistas subliñan que a Festa do Viño é un dos principais eventos de promoción turística e económica do municipio e que o protagonismo debería recaer en persoas cunha traxectoria directamente relacionada co sector vitivinícola, coa cultura ou coa defensa do patrimonio local.
“Ninguén cuestiona a lexitimidade de Juan Casares como representante público, pero entendemos que o papel de pregoeiro dunha festa que celebra a identidade vitivinícola de Cenlle debería recaer en persoas que representen ese ámbito e non nun cargo político elixido por afinidade partidista”, afirma José Rodríguez Veloso.
Dende o PSdeG-PSOE de Cenlle fan un chamamento ao goberno municipal para que “abandone a utilización partidista das institucións e das celebracións populares” e para que, de cara ao futuro, a elección das persoas encargadas de pronunciar os pregóns responda a criterios de mérito, prestixio e vinculación coa temática da festa.
“A Festa do Viño é patrimonio de toda a veciñanza de Cenlle. O seu prestixio construíuse grazas ao esforzo colectivo de moitas xeracións e non pode converterse nun instrumento ao servizo da propaganda política de ningún partido”, conclúe Rodríguez Veloso.


