As socialistas remarcan que seguirán traballando nesta liña, levando ao pleno iniciativas construtivas. “O noso compromiso é claro: defender os intereses da cidade con responsabilidade e sen caer en confrontacións estériles, pero tamén sen renunciar a denunciar o que non funciona”, concluíu González
En Ourense, a 5 de xuño de 2026. O grupo municipal socialista no Concello de Ourense conseguiu, este venres 5 de xuño, o apoio do pleno a propostas -ámbalas dúas cos votos a favor de PP e BNG e a abstención de DO- orientadas a mellorar o día a día da veciñanza e a corrixir situacións que levaban demasiado tempo sen resposta por parte do goberno local.
As iniciativas defendidas polas edís do PSdeG incidiron na necesidade de actuar con planificación, transparencia e sentido común en cuestións que afectan directamente á calidade de vida da cidadanía. “Non se trata de grandes titulares, senón de resolver problemas reais que a xente leva tempo sufrindo e que non poden seguir esperando”, sinalou a voceira, Natalia González Benéitez.
Entre os asuntos abordados, destacouse a importancia de que o Concello de Ourense recupere a capacidade de anticiparse aos problemas e de ofrecer solucións eficaces, afastadas de improvisacións.
Por unha banda, recibiron o respaldo para aprobar a súa moción cuxo obxectivo reside en impulsar a rehabilitación, recuperación e posta en valor da antiga Casa de Baños,, tralo grave incendio rexistrado na madrugada do pasado 15 de maio. As portavoz expuxo que o suceso puxo de manifesto “o abandono prolongado dun dos símbolos máis relevantes do patrimonio termal da cidade, que sufríu importantes danos estruturais e xerou unha forte preocupación social”.
“Hai financiamento estatal e europeo ao que se pode acceder, pero require vontade política e capacidade de xestión. Un exemplo desas liñas de axuda son as que se destinan dende o Ministerio para a rehabilitación do patrimonio histórico e turístico”, puntualizou a tamén secretaria do PSOE na cidade. E lamentou que o executivo municipal non estea aproveitando eses recursos mentres “Ourense queda sepultada entre cascallos”.
Por outra banda, as socialistas lograron sacar adiante no pleno outra iniciativa orientada a garantir un uso do espazo público baseado en criterios obxectivos, transparentes e alleos a decisións arbitrarias. A proposta busca poñer fin a prácticas que xeran desigualdade e inseguridade entre colectivos, entidades e veciñanza á hora de acceder e facer uso dos lugares públicos.
Dende o PSdeG defenderon que o espazo público debe estar ao servizo da cidadanía e non condicionado por intereses partidistas nin por decisións discrecionais. “Non podemos permitir que o acceso aos espazos de todos dependa de quen goberna en cada momento; hai que establecer regras claras, iguais e coñecidas para todo o mundo”, sinalou a voceira durante o debate plenario.
Ademais, subliñou que este acordo supón un paso importante para avanzar cara a unha xestión máis xusta e ordenada da cidade, ao tempo que instan ao executivo local a aplicar con dilixencia as medidas aprobadas.
As socialistas remarcan que seguirán traballando nesta liña, levando ao pleno iniciativas construtivas. “O noso compromiso é claro: defender os intereses da cidade con responsabilidade e sen caer en confrontacións estériles, pero tamén sen renunciar a denunciar o que non funciona”, concluíu González.

