concellos POLÍTICA PROVINCIAL

Enrique Álvarez Barreiro pecha a súa etapa como alcalde de Vilamartín de Valdeorras

ENRIQUE ÁLVAREZ BARREIRO PECHA A SÚA ETAPA COMO ALCALDE DE VILAMARTÍN DE VALDEORRAS TRAS MÁIS DUNHA DÉCADA DE SERVIZO PÚBLICO E DE ENTREGA AO CONCELLO E Á VECIÑANZA

O ata hoxe rexedor despídese tras trece anos na Alcaldía e dous como concelleiro, cun discurso marcado pola emoción, o agradecemento e o balance dunha intensa etapa de goberno

Os maiores e os mozos representan o corazón e a esperanza desta terra. Nun pobo pequeno, gobernar é estar ao servizo das persoas as 24 horas do día”, afirmou Álvarez Barreiro

“Gobernar non é só xestionar orzamentos ou executar obras, é estar preto da xente, compartir as súas preocupacións e buscar solucións con humildade e compromiso. O alcalde é o que está ao servizo das persoas, nunca ao revés”, destacou

Vilamartín de Valdeorras, 8 de xuño de 2026. O alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro, presentou hoxe a súa renuncia ao cargo no transcurso do pleno da Corporación municipal, poñendo fin a unha etapa de máis dunha década á fronte do Concello. Nunha intervención profundamente emotiva, Álvarez Barreiro dirixiuse á veciñanza para despedirse como alcalde, subliñando o carácter intenso, esixente e complexo da súa traxectoria á fronte da institución municipal.

“Queridos veciños e veciñas, hoxe despois de trece anos no cargo do Concello de Vilamartín fálovos por última vez como alcalde, cunha mestura de emocións para poñer o punto final a unha etapa moi intensa, esixente e complexa que marcou profundamente a miña vida”, iniciou o ata hoxe alcalde.

O rexedor fixo balance da súa etapa de goberno, lembrando os momentos máis difíciles vividos polo municipio e o traballo desenvolvido en múltiples ámbitos: “Superamos momentos durísimos como a pandemia, os incendios… e outros inesquecibles como a celebración do Día das Letras Galegas”.

Tamén destacou as actuacións realizadas en infraestruturas e servizos básicos en distintas parroquias do municipio, así como os proxectos executados e aqueles que quedan en marcha: “Fixemos melloras no alumeado, traída de auga, accesos e rúas nos núcleos de poboación”, sinalou antes de apuntar que “son moitos  os proxectos realizados, outros que quedan en marcha e outros só esbozados, pero cunha liña de traballo que entendemos que se vai continuar”.

Durante a súa despedida, Álvarez Barreiro puxo en valor o papel da veciñanza e do tecido asociativo como piar fundamental da vida municipal: “Os maiores e os mozos representan o corazón e a esperanza desta terra. Nun pobo pequeno, gobernar é estar ao servizo das persoas as 24 horas do día”.

O xa exalcalde subliñou tamén a súa concepción do servizo público baseada na proximidade: “Gobernar non é só xestionar orzamentos ou executar obras, é estar preto da xente, compartir as súas preocupacións e buscar solucións con humildade e compromiso. O alcalde é o que está ao servizo das persoas, nunca ao revés”.

Nun dos pasaxes máis emotivos, agradeceu o apoio recibido ao longo destes anos: “Voume coa satisfacción de ter sido o alcalde dos meus veciños, de ter traballado con honestidade, dedicación e respecto cara a todos”. Álvarez Barreiro quixo tamén recoñecer o labor dos concelleiros, persoal municipal, asociacións e colectivos do municipio, así como da prensa comarcal, á que agradeceu o trato recibido ao longo da súa etapa institucional. Especialmente emocionado, tivo palabras de agradecemento para a súa familia: “Grazas á miña familia, para min foi duro, pero para eles máis”.

O alcalde pechou a súa intervención pedindo respecto para a nova corporación municipal e deixando unha mensaxe de continuidade institucional: “Pídovos que respectedes á nova corporación, que traballe con diálogo, acertos e capacidade de consenso”.

Antes de concluír, Álvarez Barreiro afirmou: “Gobernar Vilamartín é un privilexio, pero tamén unha gran responsabilidade. Foi unha honra representar ao noso concello e á súa xente. Quedarei sempre no meu corazón e nas miñas lembranzas”. A súa despedida rematou cun “moitas grazas de todo o corazón e até sempre. Viva Vilamartín e os pobos de Vilamartín”.

Con esta renuncia, Enrique Álvarez Barreiro pecha unha etapa marcada polo compromiso co municipio, deixando tras de si unha fonda pegada na vida política e social de Vilamartín de Valdeorras.

Sherezade Núñez asumirá a alcaldía a partir do 20 de xuño

Sherezade Núñez, tenente de alcalde e deputada provincial, será a persoa que tome o relevo de Enrique Álvarez Barreiro ao fronte da alcaldía de Vilamartín de Valdeorras. O pleno extraordinario de investidura no que se formalizará o cambio na alcaldía terá lugar o sábado 20 de xuño ás 12:00 horas no salón de plenos do concello.