A SECRETARÍA PROVINCIAL DE MIGRACIÓNS DO PSOE DE OURENSE AXUDA ÁS FAMILIAS DE RETORNADOS A RECUPERAR AS PENSIÓNS ALEMÁS BLOQUEADAS POR PROBLEMAS ADMINISTRATIVOS E ALERTA DE NOVOS CASOS FISCAIS EN TRÁMITE
A área de migracións vén de intervir con éxito na resolución dun caso que afectaba a familias de retornados de Alemaña residentes en Estremadura, que levaban meses sen percibir as pensións de xubilación e viuvez debido a un erro administrativo derivado dun cambio na numeración das vivendas
Tere Barge sinala que “se antes a persoa vivía no bloque de vivendas número 22 e agora ten o 15, é obvio que o persoal de Correos ten que certificar que no 22 antigo non reside o destinatario”, subliñando que se trataba dun problema “estritamente administrativo”
Reitera a disposición da secretaría provincial de migracións para “atender consultas, resolver dúbidas e estudar cada caso de maneira individualizada, especialmente naqueles supostos nos que, polos baixos ingresos, poida existir exención de tributación en Alemaña”
Ourense, 19 de xuño de 2026. A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense vén de intervir con éxito na resolución dun caso que afectaba a varias familias de emigrantes retornados de Alemaña residentes en Estremadura, que levaban meses sen percibir as súas pensións de xubilación e viuvez debido a un erro administrativo derivado dun cambio na numeración das vivendas.
Os concellos onde residen as persoas afectadas modificaron recentemente a numeración das rúas, o que provocou que a correspondencia enviada pola Seguridade Social alemá ás direccións antigas fose devolta polo servizo de Correos ao constatar que xa non figuraban destinatarios neses enderezos. Esta situación provocou o bloqueo dos pagos das pensións dende comezos de ano.
Segundo explican dende o PSdeG-PSOE de Ourense, o problema resolveuse mediante a comunicación directa por correo electrónico ao organismo pagador alemán, Deutsche Post, informando da nova numeración das vivendas, o que permitiu restablecer os pagamentos pendentes. As persoas afectadas comezaron a recibir a comezos deste mes as pensións atrasadas desde xaneiro.
A secretaria provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Tere Barge Dapía, sinala que “se antes a persoa vivía no bloque de vivendas número 22 e agora ten o 15, é obvio que o persoal de Correos ten que certificar que no 22 antigo non reside o destinatario”, subliñando que se trataba dun problema “estritamente administrativo” que puido resolverse coa actualización dos datos de domicilio ante o organismo competente.
Nos últimos días, a secretaría provincial de migracións está atendendo tamén novas consultas de persoas retornadas de Alemaña que están recibindo comunicacións e requirimentos da Axencia Tributaria alemá por posibles débedas do IRPF relativas ás pensións percibidas dende o ano 2019, con cantidades que oscilan entre os 2.500 e os 4.000 euros.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense lémbrase que, a diferenza de España, a lexislación tributaria alemá establece unha prescrición de 7 anos no caso das pensións, e que, no momento de acceder a unha pensión alemá, existe a obriga de comunicar a situación á autoridade fiscal competente para residentes no exterior, neste caso o Finanzamt Neubrandenburg.
Así mesmo, aclárase que, no caso de contribuíntes con obriga de declaración en España, só se poden regularizar as declaracións correspondentes aos exercicios 2022 a 2025 no marco da dobre imposición internacional.
Tere Barge Dapía reitera a disposición da secretaría provincial de migracións para “atender consultas, resolver dúbidas e estudar cada caso de maneira individualizada, especialmente naqueles supostos nos que, polos baixos ingresos, poida existir exención de tributación en Alemaña”.

