O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMA Á XUNTA E Á DEPUTACIÓN A EXECUCIÓN DA CIRCUNVALACIÓN LESTE E UN ACCESO VIARIO REAL CA ZONA INDUSTRIAL DE SAN CIBRAO DAS VIÑAS
A iniciativa socialista pon o foco nunha eiva histórica de mobilidade que afecta ao principal motor industrial da provincia e que continúa sen unha conexión directa e de alta capacidade coa autovía A-52, unha carencia que limita a súa competitividade e condiciona o desenvolvemento industrial da provincia
Álvaro Vila incide en que resulta “fundamental” completar a circunvalación leste para conectar o polígono de San Cibrao, o Polígono de Pereiro, o Parque Tecnolóxico de Galicia, a cidade do transporte e a futura estación de mercadorías coa A-52
“O trazado remata hoxe nunha glorieta en terra de ninguén e o Partido Popular mantén este proxecto no esquecemento”, advirte
A moción subliña ademais a incoherencia entre a planificación dunha futura estación de mercadorías ferroviarias no polígono —avalada en foros institucionais recentes— e a ausencia dun acceso viario axeitado
San Cibrao das Viñas, 18 de xuño de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense defenderá no pleno deste mes de xuño na Deputación Provincial unha moción para instar á Xunta de Galicia e ao ente provincial a executar os tramos pendentes da ronda leste A-52/A-76 e garantir un acceso viario directo, de alta capacidade e funcional ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
A iniciativa socialista pon o foco nunha eiva histórica de mobilidade que afecta ao principal motor industrial da provincia. O polígono industrial de San Cibrao das Viñas conta con máis de 4 millóns de metros cadrados, máis de 430 empresas e arredor de 8.500 persoas traballadoras, chegando no seu conxunto a 560 empresas e 12.500 empregos directos na súa contorna.
A pesar da súa relevancia económica, continúa sen unha conexión directa e de alta capacidade coa autovía A-52, unha carencia que limita a súa competitividade e condiciona o desenvolvemento industrial da provincia.
O Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense, aprobado en 2014 pola Xunta, xa recollía esta infraestrutura mediante a chamada ronda leste A-52/A-76, estruturada en tres tramos. O primeiro deles foi executado en 2020, pero os dous restantes seguen sen licitar nin contar con calendario de execución, a pesar de compromisos políticos previos e da aprobación unánime dunha iniciativa similar neste mesmo pleno en 2023.




Críticas ao bloqueo do proxecto e ao atraso acumulado
O portavoz do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila, lembra que no último pleno “o Partido Popular votou en contra de demandar á Xunta de Galicia proxectos industriais estratéxicos para a provincia de Ourense”. Segundo explica, “todos os grupos puxemos de manifesto a necesidade de dotar a Ourense das infraestruturas necesarias para ser máis competitiva e captar grandes investimentos tractores que dinamicen industrialmente a provincia”.
Vila incide en que resulta “fundamental” completar a circunvalación leste para conectar o polígono de San Cibrao, o Polígono de Pereiro, o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole (Galicia), a cidade do transporte e a futura estación de mercadorías coa A-52. “O trazado remata hoxe nunha glorieta en terra de ninguén e o Partido Popular mantén este proxecto no esquecemento”, advirte.
Unha infraestrutura estratéxica tamén para o futuro ferroviario
A moción subliña ademais a incoherencia entre a planificación dunha futura estación de mercadorías ferroviarias no polígono —avalada en foros institucionais recentes— e a ausencia dun acceso viario axeitado.
Para o PSdeG-PSOE, non é posible impulsar unha terminal loxística de primeiro nivel sen garantir previamente conexións viarias e de alta capacidade que permitan o seu funcionamento eficiente.
Ourense fóra dos grandes proxectos industriais da Xunta
O Grupo Provincial Socialista advirte tamén de que a falta de infraestruturas adecuadas contribúe á exclusión da provincia dos Proxectos Industriais Estratéxicos impulsados pola Xunta, ningún dos cales se sitúa en Ourense, a pesar de mobilizar máis de 2.200 millóns de euros e crear máis de 4.300 empregos segundo datos oficiais do goberno autonómico.
Neste contexto, as e os socialistas consideran que a execución da circunvalación leste é unha condición imprescindible para reverter a perda de competitividade industrial da provincia. “O futuro industrial de Ourense non pode seguir esperando”, conclúe Álvaro Vila, quen reclama vontade política para desbloquear unha infraestrutura “estratéxica, urxente e imprescindible” para o desenvolvemento económico da provincia.
Propostas de acordo da moción
A moción presentada polo Grupo Provincial Socialista recolle os seguintes acordos:
Primeira. Instar á Xunta de Galicia a licitar e executar os tramos pendentes da ronda leste A-52/A-76, co obxectivo de garantir unha conexión directa e de alta capacidade entre a autovía A-52 e o Polígono Industrial de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico de Galicia.
Segunda. Instar á Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e ao Concello de San Cibrao das Viñas a que integren a solución do acceso viario no desenvolvemento da futura estación de mercadorías ferroviarias, garantindo a coordinación entre ambas actuacións.

