Denuncias Deputación de Ourense

Denunciamos a falla de planificación da Xunta e a Deputación na prevención de incendios

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE A XUNTA E A DEPUTACIÓN CHEGAN AO VERÁN SEN CUMPRIR UNHA SOA DAS MEDIDAS ANUNCIADAS TRALA CATÁSTROFE DOS INCENDIOS NA PROVINCIA O VERÁN PASADO

Álvaro Vila advirte de que o incendio de Boborás é “un aviso do que pode vir nas próximas semanas” e critica que a provincia afronte o verán sen avances reais en prevención

Critica que Rueda prometese asumir a limpeza das franxas secundarias nos pequenos concellos e que meses despois siga trasladando esa responsabilidade ás administracións locais

“Non podemos actuar só cando aparece o lume. A mellor ferramenta contra os incendios é a anticipación. Previr salva montes, protexe vivendas e dá seguridade á veciñanza. Porque cada verán conta. E cada día perdido tamén”, sinala o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense

Ourense, 17 de xuño de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a falla de planificación da Xunta de Galicia en materia de prevención de incendios forestais, cando a provincia se atopa ás portas da época de máximo risco e os primeiros lumes da tempada xa son unha realidade, como o incendio rexistrado esta semana no concello de Boborás.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, advirte de que “chega a calor e volve unha preocupación que coñecemos demasiado ben na provincia de Ourense como son os incendios forestais”. Neste senso, sinala que “os primeiros lumes son xa unha realidade e o incendio en Boborás é un aviso do que pode vir nas próximas semanas” e apunta que “unha vez máis, a prevención chega tarde”.

As e os socialistas consideran especialmente preocupante que, chegados xa á metade do mes de xuño, sigan pendentes actuacións fundamentais para reducir o risco de incendios. “A Xunta de Galicia ten aínda moito por facer. As franxas secundarias seguen sen estar completamente limpas e moitos montes continúan precisando actuacións urxentes de prevención”, subliña Vila.

Dende o PSdeG-PSOE lembran que xa advertiron hai semanas da ausencia de medidas preventivas e da falta de cambios no modelo de xestión forestal. Nunha comparecencia pública na Deputación de Ourense hai uns meses, as e os socialistas alertaron de que a provincia afronta un novo verán de alto risco nas mesmas condicións de vulnerabilidade que o pasado ano, cando os incendios provocaron unha grave afectación sobre o territorio.

Segundo denuncia Vila, a Xunta continúa trasladando aos concellos responsabilidades que lle corresponden á propia administración autonómica, especialmente en materia de xestión do territorio e prevención estrutural. As e os socialistas lembran tamén que segue sen cumprirse o compromiso anunciado polo Goberno galego para asumir directamente a limpeza das franxas secundarias de seguridade nos municipios de menos de 10.000 habitantes.

Ademais, denuncian que continúan bloqueadas ferramentas fundamentais para afrontar o problema de fondo, como a nova Lei de Incendios Forestais ou o Plan Director da Industria Forestal, imprescindibles para avanzar na ordenación do territorio, na xestión das parcelas abandonadas e na prevención efectiva dos lumes.

Meses sen avances na Mesa Provincial de Incendios

O PSdeG-PSOE tamén critica duramente a falta de compromiso da Deputación de Ourense nun asunto estratéxico para a provincia. As e os socialistas lembran que a Mesa Provincial de Incendios foi creada a proposta do Grupo Provincial Socialista tras os graves incendios rexistrados o pasado ano, coa finalidade de analizar causas e propoñer solucións para evitar que situacións similares volvan repetirse.

Porén, meses despois da súa constitución e coa campaña estival practicamente iniciada, non existe ningún avance concreto nin medidas acordadas para aplicar sobre o territorio.

“E que dicir da Deputación de Ourense, nin está nin se lle espera, cunha Mesa de Incendios creada a proposta nosa, pero na que non houbo un só avance durante meses e meses. A falla de compromiso e planificación do PP é total”, denuncia Álvaro Vila.

O responsable socialista lamenta que as conclusións e propostas formuladas neste órgano non se traducisen en accións concretas nin foran incorporadas aos orzamentos das administracións implicadas, deixando a provincia nunha situación practicamente idéntica á do ano pasado.

Ao mesmo tempo, as e os socialistas alertan de que as abundantes precipitacións rexistradas durante o inverno e a primavera provocaron unha importante acumulación de biomasa nos montes, circunstancia que podería incrementar significativamente o risco de grandes incendios durante os meses de verán se se repiten episodios de altas temperaturas e vento.

Por todo iso, o PSdeG-PSOE de Ourense reclama un cambio de modelo baseado na prevención estrutural, a ordenación do territorio, a profesionalización dos servizos e unha verdadeira coordinación entre administracións. “Non podemos actuar só cando aparece o lume. A mellor ferramenta contra os incendios é a anticipación. Previr salva montes, protexe vivendas e dá seguridade á veciñanza. Porque cada verán conta. E cada día perdido tamén”, conclúe Álvaro Vila Araújo.

As promesas incumpridas de Alfonso Rueda

As e os socialistas apuntan ademais que, tras os graves incendios rexistrados o pasado ano, o presidente da Xunta anunciou no Parlamento de Galicia que o Goberno galego asumiría directamente a limpeza das franxas secundarias de seguridade nos concellos de menos de 10.000 habitantes, unha medida presentada como un dos grandes cambios para reforzar a prevención. Meses despois, ese compromiso segue sen materializarse e a Xunta continúa trasladando aos municipios a responsabilidade da xestión mediante convenios e actuacións a través de Seaga.

“O máis grave é que non estamos falando dunha promesa electoral nin dunha declaración xenérica. Estamos falando dun compromiso adquirido polo propio presidente da Xunta despois da maior vaga de incendios que recorda esta provincia. Pasou un ano, os montes seguen cargados de biomasa, as franxas continúan sen estar completamente limpas e os concellos seguen asumindo obrigas que a Xunta prometeu asumir directamente”, denuncia Álvaro Vila.

O secretario provincial socialista considera que esta situación evidencia “a absoluta falla de planificación do Goberno galego” e demostra que “o PP reaccionou aos incendios con anuncios e titulares, pero non con medidas reais capaces de evitar que Ourense volva afrontar un verán nas mesmas condicións que provocaron a catástrofe do ano pasado”.