O PSDEG-PSOE DE OURENSE INSTA Á DEPUTACIÓN A RECLAMAR Á XUNTA DE GALICIA MELLORES CONEXIÓNS ENTRE O AUTOBÚS E O TREN E UNHA INTEGRACIÓN EFECTIVA COA ESTACIÓN DA GUDIÑA
A iniciativa parte da constatación de que a recente recuperación do tren madrugador con destino Madrid, que sae da estación da Gudiña ás 7:44 horas, continúa sendo inaccesible para unha parte importante da poboación das comarcas de Verín, Viana e Valdeorras debido á falta de servizos de autobús que permitan chegar á estación a tempo
Foi rexistrada antes de que a Xunta anunciase a posta en marcha de novos servizos de autobús e reforzos nas conexións coa estación do AVE, unha decisión que o grupo provincial valora de forma positiva
“Esta medida demostra que o problema existía. Porque durante meses houbo alcaldes, alcaldesas, plataformas cidadás e moitas persoas denunciando que os horarios non estaban ben coordinados e que moitos veciños e veciñas quedaban sen alternativas de transporte”, afirma Eva Pérez Gamote
“Seguiremos traballando para que ningún veciño nin veciña desta provincia teña menos dereitos por vivir lonxe das grandes cidades”, sinala a deputada provincial do PSdeG-PSOE de Ourense
Ourense, 22 de xuño de 2026. O Grupo Provincial Socialista levará ao vindeiro pleno ordinario da Deputación de Ourense do venres 26 de xuño unha moción para instar á Xunta de Galicia a adaptar con carácter urxente os horarios dos servizos de transporte público por estrada á actual oferta ferroviaria da estación da Gudiña-Porta de Galicia, garantino unha conexión efectiva entre ambos medios de transporte para a veciñanza do oriente ourensán. A iniciativa socialista foi rexistrada antes de que a Xunta anunciase a posta en marcha de novos servizos de autobús e reforzos nas conexións coa estación do AVE, unha decisión que o grupo provincial valora de forma positiva.
A deputada provincial socialista, Eva Pérez Gamote, destaca que “hai apenas uns días rexistramos unha moción para o seu debate no pleno da Deputación na que esixíamos que a Xunta adaptase os servizos de transporte público aos novos horarios ferroviarios da estación da Gudiña. Onte coñecemos que a Xunta anuncia novos servizos de autobús e reforzos nas conexións coa estación do AVE”.
“Queremos dicir dúas cousas. A primeira, que nos alegramos. Porque o importante non é quen se poña a medalla, senón que a veciñanza de Verín, Monterrei, Viana e Valdeorras teña mellores conexións e máis oportunidades para utilizar o tren”, sinala.




Para as e os socialistas, a decisión da Xunta confirma que existía unha demanda real e unha carencia na coordinación entre os servizos ferroviarios e os de transporte por estrada. “Esta medida demostra que o problema existía. Porque durante meses houbo alcaldes, alcaldesas, plataformas cidadás e moitas persoas denunciando que os horarios non estaban ben coordinados e que moitos veciños e veciñas quedaban sen alternativas de transporte”, afirma Pérez Gamote.
A moción que se debaterá este venres recolle precisamente a necesidade de adaptar os horarios dos autobuses autonómicos á programación ferroviaria vixente para garantir o acceso aos servizos de tren desde as comarcas afectadas, especialmente ao enlace madrugador cara a Madrid, así como aos restantes servizos ferroviarios en ambos sentidos.
Ademais, a iniciativa propón avanzar cara a un protocolo estable de coordinación intermodal entre a Xunta de Galicia, Renfe, a Deputación e os concellos afectados, que permita actualizar automaticamente os horarios dos autobuses cada vez que se produzan cambios na programación ferroviaria.
A deputada provincial socialista tamén recoñece o papel desempeñado pola sociedade civil e polos representantes municipais na defensa desta reivindicación. “Quero recoñecer especialmente o traballo de Néstor Ogando, alcalde da Gudiña, da plataforma Dereito ao Tren e de todas as persoas que non deixaron caer esta reivindicación”, destaca.
Desde o Grupo Provincial Socialista consideran que o anuncio realizado pola Xunta debe ser agora avaliado sobre o terreo para comprobar a súa eficacia real. “Agora toca comprobar que estas melloras funcionan, que responden ás necesidades reais da cidadanía e que non quedan concellos atrás. Porque cando as administracións escoitan á xente e rectifican, quen gaña é o rural”, apunta Pérez Gamote.
Os socialistas subliñan que seguirán defendendo medidas que garantan a igualdade de oportunidades entre o medio rural e os grandes núcleos urbanos e que permitan aproveitar plenamente unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento económico e social do leste da provincia. “Seguiremos traballando para que ningún veciño nin veciña desta provincia teña menos dereitos por vivir lonxe das grandes cidades”, conclúe a deputada provincial.

