Concello de Ourense

Reafirmamos o noso compromiso de seguir traballando para formar unha alternativa de Goberno

As socialistas de Ourense lamentan que non fose posible artellar unha alternativa ao goberno de Jácome e reafirma o seu compromiso coa cidade

Desde o Grupo Municipal Socialista aseguran contar cun proxecto sólido, cun equipo preparado e cunha alternativa de goberno para Ourense. O seu obxectivo é seguir demostrando á veciñanza que existe unha alternativa seria e solvente ao actual goberno municipal.

 En Ourense, a 22 de xuño de 2026.

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense lamenta que rematase o prazo para presentar unha eventual moción de censura contra o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, sen que fose posible construír unha maioría alternativa.

As socialistas consideran que existía unha oportunidade real para conformar un goberno alternativo que devolvese a estabilidade institucional á cidade; despois da cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos municipais, presentada polo rexedor ao non contar cos apoios necesarios para sacalos adiante, 

Desde o Grupo Municipal Socialista aseguran contar cun proxecto sólido, cun equipo preparado e cunha alternativa de goberno para Ourense. Con todo, lembran que os seus votos non eran suficientes para impulsar unha moción de censura e que era imprescindible acadar un acordo co resto das forzas da oposición.

Neste sentido, explican que realizaron diferentes achegamentos ás demais formacións políticas, pero atopáronse cun bloqueo que impediu avanzar na construción dunha maioría. “Descoñecemos se realmente existía vontade de construír unha alternativa ou se, a un ano das vindeiras eleccións municipais, prevaleceron determinados intereses partidarios por riba do interese xeral da cidade”, sinalan.

A pesar desta situación, o Grupo Municipal Socialista subliña que continuará desenvolvendo unha oposición firme, responsable e construtiva durante o tempo que resta de mandato. O seu obxectivo é seguir demostrando á veciñanza que existe unha alternativa seria e solvente ao actual goberno municipal.

Os socialistas consideran que Ourense sofre unha preocupante falta de dirección política e de capacidade de xestión por parte do executivo de Gonzalo Pérez Jácome, unha situación que, ao seu xuízo, está a frear o desenvolvemento da cidade.

Finalmente, o PSOE de Ourense reafirma o seu compromiso de continuar traballando por e para a cidadanía, mantendo a man tendida ao diálogo co resto das forzas políticas para impulsar acordos que beneficien á cidade e consolidar unha alternativa de goberno de cara ás próximas eleccións municipais.