O PSDEG-PSOE DE PADERNE DE ALLARIZ DENUNCIA O USO PARTIDISTA DAS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS POR PARTE DO PP E RECLAMA MEDIOS DIGNOS PARA EXERCER A OPOSICIÓN
O voceiro socialista, Antonio Estévez Blanco, acusa ao goberno local de confundir «maioría absoluta con propiedade absoluta» e de vulnerar os dereitos democráticos da oposición
“Non estamos pedindo privilexios, senón os medios mínimos necesarios para poder desenvolver o noso traballo de representación da veciñanza en condicións dignas e de igualdade. Negarlle á oposición un espazo adecuado é unha forma de limitar a súa capacidade de exercer a función de control e fiscalización que lle corresponde”, sinala
Paderne de Allariz, 23 de xuño de 2026. O PSdeG-PSOE de Paderne de Allariz denuncia a situación de “discriminación” institucional que sofren desde o inicio do presente mandato, ao carecer dun espazo “digno e axeitado” para desenvolver a súa labor de oposición, malia as reiteradas solicitudes trasladadas ao goberno municipal do Partido Popular.
As e os socialistas lembran que o dereito dos grupos municipais a dispoñer dos medios materiais necesarios para o exercicio das súas funcións está recollido tanto na Lei Reguladora das Bases do Réxime Local como no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, que obrigan ás administracións a facilitar os recursos mínimos para garantir unha representación política efectiva.
Porén, tal e como explican dende o grupo municipal socialista, “a única alternativa ofrecida polo executivo local foi unha pequena sala no antigo edificio consistorial que non reúne as condicións mínimas de hixiene, salubridade e dignidade institucional para o seu uso habitual”. A pesar das numerosas peticións realizadas ao longo destes anos, o goberno municipal non adoptou ningunha medida para acondicionar o espazo nin para atender as demandas formuladas polo grupo da oposición.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Paderne de Allariz, Antonio Estévez Blanco, considera que esta situación supón unha vulneración dos principios democráticos básicos. “Non estamos pedindo privilexios, senón os medios mínimos necesarios para poder desenvolver o noso traballo de representación da veciñanza en condicións dignas e de igualdade. Negarlle á oposición un espazo adecuado é unha forma de limitar a súa capacidade de exercer a función de control e fiscalización que lle corresponde”, sinala.
Desde o PSdeG-PSOE consideran especialmente grave que, mentres se lles nega un despacho digno, o Partido Popular utilizase dependencias municipais para a celebración do seu último congreso local. Un feito que, ao seu xuízo, evidencia unha preocupante confusión entre institución e partido.
“A maioría absoluta non lle outorga ao PP a propiedade do concello”, afirma Estévez Blanco, que lles lembra aos populares que “as instalacións municipais pertencen á totalidade da veciñanza de Paderne de Allariz e deben manter unha absoluta neutralidade institucional”. Asemade tamén apunta que “quen goberna non pode actuar como se os edificios públicos fosen patrimonio exclusivo da súa formación política”.
As e os socialistas advirten ademais de que este tipo de actuacións proxectan unha concepción das institucións públicas afastada dos principios de transparencia, pluralismo e respecto democrático que deben rexer a vida política local.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista esixe ao goberno local a adopción inmediata das medidas necesarias para garantir unhas condicións adecuadas para o exercicio da oposición, en cumprimento da legalidade vixente e do respecto debido ás institucións democráticas.
“Non imos aceptar ningunha forma de marxinación política nin de trato discriminatorio. Seguiremos defendendo os intereses da veciñanza e reclamando un Concello que respecte a igualdade entre representantes públicos e a calidade democrática das súas institucións”, conclúe o voceiro socialista.

