O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE OS ALCALDE DO PP DE SAN XOÁN DE RÍO DE MANZANEDA DEIXAN PERDER O SERVIZO DE ORIENTACIÓN LABORAL FINANCIADO AO 100% POLA XUNTA
As e os socialistas cualifican de “incomprensible e irresponsable” a renuncia a un recurso gratuíto e esencial para a veciñanza dunha comarca especialmente afectada polo despoboamento
O PSdeG-PSOE amosa o seu apoio á mobilización cidadá e á recollida de sinaturas impulsada para reclamar a continuidade do servizo
Ourense, 25 de xuño de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a decisión dos alcaldes do Partido Popular de San Xoán de Río e Manzaneda de deixar perder o Servizo de Orientación Laboral que prestaba atención á veciñanza da comarca e que contaba cun financiamento do 100% por parte da Xunta de Galicia.
As e os socialistas consideran “incomprensible” que dous gobernos municipais renuncien a un recurso público gratuíto que durante anos serviu para asesorar persoas desempregadas, facilitar a procura de emprego, apoiar iniciativas empresariais e contribuír á fixación de poboación nun territorio especialmente castigado polo envellecemento e o despoboamento.
“Resulta difícil de explicar que alcaldes do Partido Popular decidan deixar caer un servizo financiado integramente pola propia Xunta de Galicia. Estamos a falar dun recurso que non supuña custo para os concellos e que era fundamental para centos de persoas usuarias da comarca”, sinalan desde o PSdeG-PSOE.
As e os socialistas poñen o foco especialmente no caso de San Xoán de Río, un concello que adoita presentarse como exemplo das políticas contra o despoboamento e da defensa do rural. “Mentres se fala continuamente de atraer poboación e crear oportunidades no interior, a realidade é que se están perdendo servizos básicos polo camiño”, destacan, á vez que apuntan que “as palabras teñen pouco valor cando as decisións van na dirección contraria”.
Desde o PSdeG-PSOE amosan tamén a súa preocupación pola situación das persoas traballadoras vinculadas ao servizo e, sobre todo, polo prexuízo que esta decisión supón para as veciñas e veciños que utilizaban unha ferramenta clave para mellorar a súa empregabilidade e acceder ao mercado laboral.
A formación socialista quixo recoñecer ademais a resposta da cidadanía, que nos últimos días impulsou unha recollida de sinaturas para reclamar a continuidade do servizo. “A mobilización veciñal demostra que estamos ante unha demanda real e ante un recurso que a comarca considera necesario. Cando a cidadanía se organiza para defender un servizo público é porque ese servizo presta unha utilidade evidente”, afirman.
Por todo isto, o PSdeG-PSOE reclama explicacións públicas inmediatas aos responsables municipais, demanda que se exploren todas as vías posibles para recuperar o servizo e insta aos alcaldes implicados, Xosé Miguel Pérez Blecua e Pedro Yáñez, a antepoñer os intereses da veciñanza a calquera outra consideración.
“As políticas contra o despoboamento non poden quedar en discursos ou titulares. Hai que defendelas con feitos. E deixar perder un servizo de orientación laboral financiado ao cen por cen pola Xunta é, precisamente, facer o contrario do que necesita o rural ourensán”, conclúen as e os socialistas.

